O TSXG decreta que Augas de Galicia debe abonar máis de dous millóns á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil por obras hidráulicas

En concepto de débeda derivada de once convenios de colaboración, subscritos entre os anos 2001 e 2007

Autor
Comunicación Poder Judicial

A sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirma a resolución de xullo de 2021 da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil na que require a Augas de Galicia o pagamento de 2.145.608 en concepto de débeda derivada de once convenios de colaboración, subscritos entre os anos 2001 e 2007, sobre execución de obras hidráulicas. Desta forma, a Sala rexeita o recurso contencioso-administrativo interposto pola Xunta de Galicia, á que tamén lle impuxo o pago das costas do litixio, ata un máximo de 1.500 euros. 

O tribunal salienta que “non existen dúbidas razoables” das recíprocas obrigas que asumiron as partes concertantes nas cláusulas dos convenios, que partían “do previamente estipulado no protocolo xeral de colaboración subscrito no ano 1999, por cuxa virtude o organismo estatal sufragaría o 85 % do importe total dos investimentos precisos, en tanto que o 15 % restante correría a cargo da entidade autonómica”. Na sentenza, ademais, recalca que a porcentaxe a asumirían ambos os organismos “na mesma proporción, respecto das variacións económicas que se puidesen producir por calquera incidencia que se aprobase no desenvolvemento dos contratos de obras”. 

O TSXG, polo tanto, destaca no fallo que “calquera sobrecusto que se producise sobre o inicialmente previsto tería que ser asumido polas partes na proporción pactada, sempre que estivese debidamente aprobado”. Neste caso, segundo a resolución, o avogado do Estado achegou “cada un dos convenios, coas súas incidencias, que inclúen documentos contables de pago, certificacións, facturas, modificados e correos electrónicos reclamando o seu pago”. Eses documentos, segundo a Sala, “dan conta tamén dos pagos que, en execución dos convenios, se produciron ata os anos 2008 e 2010”. Contra a sentenza cabe interpoñer recurso de casación.