A Sala do Contencioso do TSXG declara finalizado o preito do antigo edificio Conde de Fenosa

Destaca no auto que nesta execución de sentenza non se aprecian outros intereses en xogo que a legalidade urbanística municipal, que se considera restablecida a través do acordo

Autor
Comunicación Poder Judicial

A Sala do Contencioso-administrativo notificou hoxe o auto polo que se aproba a homologación xudicial dos acordos de mediación alcanzados polas partes no preito derivado da licenza de rehabilitación concedida ao antigo edificio de Fenosa. Desta maneira, ao entender a maioría do pleno que a proposta de convenio non é contraria ao ordenamento xurídico, nin os seus termos lesivos para o interese público ou de terceiros, declárase finalizado o asunto e acórdase o seu arquivo.

Lembra a Sala que a execución in natura da sentenza obrigaría á reposición da antiga sede de Fenosa ao momento anterior ao outorgamento da licenza anulada, para poder así recuperar a edificación destinada a oficinas conforme aos permisos de 1962 e 1964. Para iso sería necesario demoler as obras de rehabilitación executadas ata alcanzar a estrutura anterior que aínda permanece e, sobre ela, reconstruír novamente o antigo inmoble ata alcanzar unha réplica do mesmo cuxa legalidade conforme ao Plan Xeral de Ordenación Municipal actual non estaría acreditada sen necesitar ulteriores legalizacións, mesmo modificacións do PXOM, “cando non a propia demolición do novamente construído”.

Foi en outubro do ano pasado cando a sección segunda da Sala do Contencioso do TSXG, “visto o estado de execución da sentenza e o número de anos transcorridos desde o seu ditado (case 18) e desde o inicio do proceso (22) sen alcanzar resultado ningún”, resolveu, a petición da representación procesual do Concello da Coruña, iniciar o procedemento de mediación intraxudicial. Sublíñase na resolución que o obxectivo esencial desta medida foi o de procurar a execución da sentenza e non a súa inexecución.

Recoñece o auto que se trata “dun difícil incidente de execución de sentenza” e que a pretensión fundamental do acordo é “minimizar o impacto para todos os veciños ao ser inminente a demolición do edificio, cos consecuentes prexuízos non só para seus ocupantes, senón para toda a cidadanía, tal e como se observa do exame da documentación achegada cos acordos de mediación”.

A resolución destaca “os enormes custos” da demolición e posterior reconstrución para devolver o edificio ao estado en que se achaba antes do outorgamento da licenza. A Sala sinala a “insustentable situación económico-financeira” que supoñería para o Concello, co consecuente custo social e perda de servizos durante moitos anos. Segundo a valoración económica desenvolta no convenio, os custos de demolición, reconstrución, construción dun edificio de vivendas para recolocar os desaloxados, realoxamento dos veciños durante a execución das obras e indemnizacións por perda de vivenda supoñerían aproximadamente uns 59,5 millóns de euros. Ademais, segundo a documentación achegada no acordo, sería necesario incrementar os tributos municipais en cantidades aproximadas ao dobre da cota actual.

Aclaran os membros da Sala que coa homologación do acordo alcanzado polas partes conséguese un equilibrio entre a indemnización moral que corresponde á demandante, a evitación do excesivo custo para os recursos públicos e os intereses dos veciños do inmoble. En relación coa demandante, tivéronse en conta os anos transcorridos desde a firmeza da sentenza de cuxa execución se trata, así como un recoñecemento do seu labor. O convenio inclúe “diversas medidas tendentes a evitar que unha situación semellante se poida volver producir no futuro” e logra “o mantemento da paz social dentro da cidadanía ante a eminencia da perda de prestacións públicas polo excesivo custo”.

Afirman os maxistrados que “non estamos, deste xeito, ante un acordo entre partes no cal, mediante un intercambio económico, se aparenta unha execución que non é tal e trasládanse ao erario público as responsabilidades da sentenza”. A Sala indica que “é importante destacalo, porque tal formulación non pasaría de ser vulgar e reducionista, deixando á marxe o instituto principal da mediación”.

Para a maioría do pleno, os acordos dan resposta á satisfacción dos intereses das partes sen incorrer en infracción apreciable do ordenamento xurídico, xa que ningunha norma se opón aos compromisos alcanzados e a súa finalidade oriéntase a establecer unha concreta vía xurídica para conseguir o restablecemento da legalidade urbanística na medida en que se viu afectada.

Lembra a Sala que “este concreto medio de execución, entendido como forma de restablecer a legalidade urbanística, non foi contemplado nin valorado nos incidentes anteriormente resoltos na executoria”. As anteriores resolucións sobre o preito “non versaron sobre medios de execución de sentenza por substitución ou equivalente, senón sobre solicitudes de declaración de imposibilidade material ou legal” de execución “que non satisfacían os intereses de todas as partes”.

Destaca tamén o tribunal que nesta execución de sentenza non se aprecian outros intereses en xogo que a legalidade urbanística municipal, xa que “non existen compromisos de medio ambiente, estándares urbanísticos, patrimonio histórico, custos, Rede Natura ou outros que puidesen complementar o plan e facer inviable calquera solución que non fose a demolición”. É por iso, sosteñen os maxistrados, que esta solución “non pode extrapolarse a outros supostos e expor, tamén de modo simplista, que calquera execución urbanística pode sortearse mediante institutos que suplan a execución in natura mediante o único requisito de pactar unha indemnización: nada máis lonxe da realidade”.

Na resolución recóllese tamén que desde o ano 1997, cando se inicia o procedemento, “non se tivo coñecemento nin formaron parte do asunto outros intervenientes que os que subscriben a petición de homologación, polo que calquera invocación de intereses ou prexuízo para terceiros a partir deste acto habería de entenderse, en principio, realizada en abuso do dereito”.

O auto conta con tres votos particulares subscritos por catro maxistrados dos catorce que asistiron ao pleno.