O TSXG rexeita as pretensións de Mos e Redondela en relación coa PassVigo

Considera que o Concello de Mos carece de lexitimación para reclamar, pero considera “discriminatorio” que os usuarios paguen en función do seu empadroamento. En canto á Administración local de Redondela, indica que o recurso de primeira instancia tería que ser considerado inadmisible porque os acordos municipais referentes á PassVigo non foron impugnados no seu día

Autor
Comunicación Poder Judicial

A sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) rexeitou as pretensións dos Concellos de Mos e Redondela relacionadas coa tarxeta PassVigo.

O Tribunal Superior considera, en relación co Concello de Mos, que carece de lexitimación para demandar como prexudicado polo feito de que o Concello de Vigo requira estar empadroado neste concello para a obtención da tarxeta, que ofrece descontos no transporte urbano. O alto tribunal galego notificou hoxe outra sentenza referente ao mesmo asunto, pero co Concello de Redondela como parte apelada. Neste caso tamén lle dá a razón á Administración local de Vigo, pois considera que o recurso interposto polo Concello de Redondela en primeira instancia é inadmisible porque os acordos municipais de 2014 e 2017 referentes á PassVigo non foron impugnados no seu día.

O TSXG ratifica a inadmisibilidade do recurso presentado polo Concello de Mos porque entende que “ningunha consecuencia lle supón o importe das tarifas que aboan os viaxeiros do transporte urbano da cidade olívica”. Ademais, lembra que o ente local carece de competencias “para defender os intereses dos seus veciños nas súas relacións persoais”, pois a lei “tan só faculta o municipio para xestionar os seus propios intereses, para o cal pode promover actividades e prestar servizos públicos que satisfagan a comunidade veciñal, o que non é o caso de exercitar accións en defensa dalgún grupo de veciños”. Conclúen os maxistrados que isto é o que pretende o Concello de Mos, pero entenden que carece de lexitimación para iso.

A Sala, malia rexeitar o recurso, non comparte algunhas das conclusións da sentenza apelada, que no seu momento indicou que o acordo que en 2014 fixou as novas tarifas do transporte urbano se ditou dentro das competencias municipais, que era axustado a dereito e que non había discriminación para os viaxeiros que non estaban empadroados en Vigo. Os maxistrados do Superior, pola contra, entenden que, de acordo coas leis de transporte, é “discriminatorio” que os usuarios paguen máis ou menos segundo o lugar onde estean empadroados.

O TSXG asegura que, aínda prescindindo desas leis, tampouco atopa “xustificación ningunha para outorgar un beneficio singular aos veciños de Vigo”. Deste xeito, manifesta que é a empresa concesionaria “a que debe soportar o risco e ventura da súa operación, sen que as arcas municipais deban realizar ningunha achega”. O alto tribunal galego engade que, aínda que existisen cláusulas que obrigasen o Concello de Vigo a sufragar parte do servizo de transporte, “non habería ningunha razón para lles reducir as tarifas aos residentes nese municipio con fundamento en que eran eles os que achegaban os recursos da facenda municipal, pois os que a ela contribúen non son só os que están empadroados no seu termo municipal, senón calquera persoa, física ou xurídica, que realiza o feito impoñible que xustifica o nacemento da obriga de contribuír”.

A Sala rexeita impoñer as custas ao Concello de Mos porque non comparte algunhas das conclusións da sentenza apelada.

Respecto ao Concello de Redondela, o TSXG non analiza o obxecto principal do preito ao entender que o recurso presentado por este municipio tívose que inadmitir en primeira instancia porque a impugnación dos acordos municipais en relación coa tarxeta de transporte non se realizou en tempo e forma debida.