Un Xulgado absolve de prevaricación a tres empregados da Seguridade Social na Coruña por denegar unha incapacidade por intoxicación por mercurio en 2014

Segundo consta na sentenza, prestaba os seus servizos nunha empresa coa categoría de operario de fabricación de rótulos desde o ano 2003 e, debido ao traballo realizado na montaxe de tubos fluorescentes, estivo exposto a mercurio

Autor
Comunicación Poder Judicial

O Xulgado do Penal número 3 da Coruña absolveu a tres persoas que en 2014 formaban parte do Equipo de Valoración de Incapacidades (EVI) do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) na Coruña dun delito de prevaricación administrativa por revogar a incapacidade absoluta permanente a un traballador que sufriu unha intoxicación por mercurio. En concreto, estaban acusados o entón avaliador xefe da unidade médica do EVI; a persoa que exercía de presidente do EVI; e o entón director da dirección provincial do INSS da Coruña. 

A xuíza relata que o denunciante, segundo consta na sentenza, prestaba os seus servizos nunha empresa coa categoría de operario de fabricación de rótulos desde o ano 2003 e, debido ao traballo realizado na montaxe de tubos fluorescentes, estivo exposto a mercurio. Cursou baixa por incapacidade laboral temporal con posteriores recaídas, as cales derivaron nun expediente de incapacidade permanente en grao total con data 10 de marzo de 2011 e, posteriormente, nunha incapacidade permanente absoluta desde xuño de 2012 con diagnóstico de “intoxicación por mercurio a estudo”. Inicialmente, segundo consta na resolución, denegóuselle a declaración das continxencias de enfermidade como profesionais. 

“No presente caso non se practicou proba algunha que permita ter por probado que se ditou polos acusados unha resolución arbitraria”, indica a xuíza na sentenza, á vez que salienta que os tres investigados explicaron “as razóns que motivaron a adopción das resolucións impugnadas e o procedemento que se seguiu na súa elaboración”. Eses aspectos, segundo o fallo, “poden ser criticados ou mesmo considerados erróneos ou irregulares polo denunciante, pero en ningún caso poden ser cualificados de delituosos”. 

A xuíza destaca que a revogación das resolucións administrativas na vía xurisdicional “non implica que estas sexan delituosas”. Ademais, recalca que, neste caso, “non existe proba algunha de que os acusados lle pretendesen causar ao denunciante prexuízo algún”. Así, asegura que “non se acreditou que actuasen a propósito, coa intención deliberada e plena conciencia de estar a ocasionar un resultado materialmente inxusto e á marxe do ordenamento xurídico”.