O TSXG confirma a sentenza que recoñece a síndrome de sensibilidade química como accidente laboral

Considera acreditado que a demandante desenvolveu a enfermidade no seu lugar de traballo, un edificio de oficinas de Ourense, debido ao “contacto cos produtos químicos do ambiente”

Autor
Comunicación Poder Judicial

A sección primeira da sala do Contencioso-administrativo do TSXG rexeitou o recurso interposto pola Xunta contra unha das primeiras sentenzas emitidas en Galicia que recoñece a síndrome de sensibilidade química como accidente laboral.

A resolución de primeira instancia, ditada en setembro de 2018 polo Xulgado do Contencioso-administrativo número 1 de Ourense, considera acreditado que a demandante desenvolveu a enfermidade no seu lugar de traballo, un edificio de oficinas de Ourense, debido ao “contacto cos produtos químicos do ambiente”, polo que anulou e revogou a resolución da Consellería de Política Social de agosto de 2017 que declaraba que a baixa se debía “a enfermidade común”.

O TSXG, do mesmo xeito que o xulgado de primeira instancia, asegura que quedou acreditada “a relación causal entre as condicións nas que a actora realizaba o seu traballo e a síndrome de sensibilidade química múltiple que sufriu e provocou a súa baixa laboral”. Ademais, sostén que a proba practicada “demostra que a síndrome se iniciou no lugar de traballo”, pois nel existían “substancias que lle xeraban unha resposta sintomatolóxica”. A sección primeira da sala do Contencioso-administrativo destaca que existían “precedentes con outras traballadoras”, o que obrigaba aos servizos de prevención de riscos laborais da Xunta “a extremar o labor de comprobación e avaliación de riscos químicos e biolóxicos”.

En contra do que mantén a Administración, o alto tribunal galego indica que non se probou o correcto funcionamento do sistema de climatización instalado no centro de traballo. Ademais, destaca que ao día seguinte da baixa, a empresa de mantemento do aire acondicionado tivo que reparar unha fuga de gas do sistema. O tribunal sinala que, tal e como reflicte o informe do servizo de prevención de riscos laborais da Xunta, na limpeza das oficinas utilizábanse produtos que conteñen amoníaco e lixivia, o que xeraba “molestias ás persoas máis sensibles aos axentes químicos”.