O TSXG confirma a condena de 21 anos de prisión polo asasinato dunha camareira en Ferrol

A Sala entende que non existiu a indefensión aludida polo letrado do acusado

Autor
Comunicación Poder Judicial

A Sala do Civil e Penal do TSXG confirmou a sentenza da Audiencia Provincial da Coruña que condena a 21 anos de prisión ao home xulgado por matar cun coitelo a unha camareira de Ferrol. A Sala entende que non existiu a indefensión aludida polo letrado do acusado, quen manifestou non ter a oportunidade de presentar "testifical e pericial referidas ao consumo conxunto de alcol e, por prescrición médica, dunha substancia química psicotrópica".

Lembran os maxistrados que esta proba nin sequera foi proposta pola defensa ao longo do procedemento e que tampouco cabe argüir que "de practicarse, o veredicto fose favorable á defensa".

Tampouco comparte a Sala o argumento de que o veredicto do xurado carece de motivación, polo que confirma a sentenza ditada pola presidenta do Tribunal do Xurado.