O TSXG anula a sentenza absolutoria da funcionaria do Sergas que accedeu ao historial da súa filla e ordena repetir o xuízo

A muller realizou, entre xuño de 2012 e abril de 2014, 68 entradas, pero foi absolta pola sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, porque non se acreditou que carecese de consentimento

Autor
Comunicación Poder Judicial

A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ordenou a repetición do xuízo á traballadora do Sergas acusada de acceder ao historial clínico electrónico da súa filla sen o seu consentimento.

A muller realizou, entre xuño de 2012 e abril de 2014, 68 entradas, pero foi absolta pola sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, porque non se acreditou que carecese de consentimento. “Entendemos que este proceder da Audiencia vulnera flagrantemente as regras da distribución da carga da proba e os parámetros da súa valoración, entre os que se atopan o de racionalidade probatoria e o de acatamento das máximas de experiencia”, salientan os xuíces. Así, indican que aínda que “o alcance exculpatorio das alegacións, escusas ou coartadas afirmadas pola acusada pertence ao ámbito da valoración da proba que lle compete en exclusiva ao tribunal que a presenza”, neste caso a “necesaria explicación razoada brilla pola súa ausencia, seguramente porque non se produciu tal versión exculpatoria ou porque a que foi tida por tal (a acusada limitouse a afirmar que os accesos foron consentidos pola vítima) se esgota en si mesma”.

O Superior acolleu, desta forma, o recurso de apelación presentado pola denunciante, no que asegura que “achega razóns convincentes dos vicios nos que incorre a sentenza apelada”, determinantes da súa nulidade “por erro na valoración da proba e, en particular, polo apartamento manifesto das máximas de experiencia, con vulneración das regras de distribución da carga probatoria, e pola omisión de todo razoamento sobre algunha das probas practicadas”.

Os xuíces advirten de que a Audiencia “non se decata de que a propia presunción de inocencia da acusada en absoluto obriga a dar por sentada a veracidade das súas afirmacións, pois a carga da proba dos feitos exculpatorios naturalmente que recae sobre a defensa”.

O TSXG, ademais, asegura que o tribunal de primeira instancia “afastou por completo polo menos unha corroboración periférica significativa de carácter obxectivo da declaración da vítima” como é “a constatable falta de correspondencia entre o considerable número de accesos realizados pola acusada á historia clínica electrónica da súa filla e as puntuais asistencias médicas que esta requiriu do Sergas”.