Un xulgado de Ourense absolve a un expresidente do Club de Fútbol Monterrei dun delito contra os dereitos dos cidadáns estranxeiros

“Non puido probarse que os acusados axudasen con ánimo de lucro ao xogador para permanecer en España vulnerando a lexislación sobre estancia de estranxeiros”, Salienta a xuíza na resolución

Autor
Comunicación Poder Judicial

O Xulgado do Penal número 2 de Ourense absolveu dun delito contra os dereitos dos cidadáns estranxeiros e doutro de pertenza a organización criminal ao que en 2017 era presidente do Club de Fútbol Monterrei e a un avogado que asinou un contrato de representación e cesión de dereitos económicos e de imaxe cun futbolista mexicano. O xogador, segundo consta na sentenza, desprazouse a España en xullo de 2017 despois de que un antigo xogador do Burgos Club de Fútbol e representante de futbolistas contactase con el e, tras ensinarlle a forma de eludir a normativa española e da Unión Europea sobre control de fronteiras, lle ofrecese a oportunidade de xogar ao fútbol en España, así como a incorporación ao Burgos Club de Fútbol, “baixo falsas promesas de manutención, aloxamento e salario, que incumpriu”.     

Ao chegar a Burgos, o club condicionou a súa permanencia no equipo a que regularizase a súa situación legal en España, polo que a persoa que contactara con el, a cal non puido ser axuizada por atoparse en rebeldía, se comunicou co avogado que finalmente subscribiu o contrato de representación co xogador. O 31 de agosto de 2017, segundo a sentenza, o futbolista chegou a Verín, onde foi recollido polo presidente do Club de Fútbol Monterrei. 

“Non puido probarse que os acusados axudasen con ánimo de lucro ao xogador para permanecer en España vulnerando a lexislación sobre estancia de estranxeiros”, Salienta a xuíza na resolución, na que indica que a intervención dos investigados “se produciu con posterioridade á chegada a España do denunciante e tras fracasar a proposta de xogar no club de Burgos, que fora a determinante para o seu desprazamento a España”. Por iso, afirma que “queda totalmente vedada a posibilidade de apreciar o delito do artigo 313 do Código penal”, que castiga ao que determinara ou favorecera a emigración dalgunha persoa a outro país simulando contrato ou colocación, ou usando outro engano semellante. 

Ademais, en canto ao delito de pertenza a organización criminal que lles imputa a acusación particular, destaca que “resulta difícil poder concluír que houbese neste caso unha organización criminal para cometer delitos (en plural), constituída con carácter estable e onde de maneira concertada e coordinada se repartisen as tarefas ou funcións os diferentes membros da organización”. Contra a sentenza cabe presentar recurso.