A Audiencia condena a once anos e catro meses de cárcere o home que tentou asasinar a súa muller nun hotel de Vigo

O tribunal considera probado que o imputado pretendía acabar coa vida da vítima ao atacala “por sorpresa e por detrás” cando estaba “desprevida” no baño

Autor
Comunicación Poder Judicial

A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra condenou a once anos e catro meses de cárcere como autor dun delito de asasinato en grao de tentativa o home que o 2 de maio de 2016 golpeou cunha maza na cabeza a súa muller no interior da habitación dun hotel de Vigo. O tribunal considera probado que o imputado pretendía acabar coa vida da vítima ao atacala “por sorpresa e por detrás” cando estaba “desprevida” no baño.

“A súa intención era matala, non simplemente causarlle lesións”, salientan os xuíces na sentenza, na que argumentan que o condenado utilizou un instrumento “capaz de causarlle a morte, de peso importante” e que dirixiu o seu ataque, que foi “reiterado”, a unha zona vital do corpo, a cabeza.

Os maxistrados indican que se trata dun caso de aleivosía súbita, pois a vítima “non podía defenderse pola relación de confianza que existía co acusado e as circunstancias nas que se produciu o ataque: cando estaba despreocupada botando crema e de costas ao seu home”.

O tribunal tivo en conta á hora de ditar a pena a agravante de parentesco e tamén lle impuxo ao acusado a prohibición de aproximarse e comunicarse coa vítima durante 18 anos. Ademais, deberá pagarlle unha indemnización de 22.000 euros.

A Audiencia condenou o sospeitoso á mesma pena de cárcere que no primeiro xuízo, que foi anulado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, tras acoller o recurso no que cuestionaba a imparcialidade das maxistradas que o axuizaban porque ratificaran ata en dúas ocasións a súa situación de prisión provisional.