Condenado por desobediencia grave a un home por violar reiteradamente as regras derivadas do estado de alarma en Corcubión

O sospeitoso ignorou "sistematicamente" as disposicións do Real decreto 463/2020 e "inxustificadamente" incumpriu as limitacións de circulación

Autor
Comunicación Poder Judicial

O Xulgado de Instrución número 2 de Corcubión, en funcións de garda, condenou, por conformidade das partes implicadas no procedemento, ao pago dunha multa de 1.440 euros un home por incumprir reiteradamente as normas derivadas do estado de alarma decretado con motivo da crise sanitaria do COVID-19. O sospeitoso, condenado como autor dun delito de desobediencia grave a axentes da autoridade, ignorou “sistematicamente” o disposto no Real Decreto 463/2020 e incumpriu “inxustificadamente” as limitacións de circulación, segundo salienta a xuíza na sentenza.

Ao veciño de Vimianzo interceptárono axentes fóra da súa vivenda en oito ocasións, durante os días 22, 23, 24, 26 e 30 de marzo. A primeira vez, advertíronlle de que non podía saír da súa casa para ir tres ou catro veces ao día á gasolineira. Ao día seguinte, descubrírono en Cee e en Fisterra, localidades ata as que asegurou que se desprazou “para dar un paseo”.

O día 24 localizárono axentes da Garda Civil cando conducía o mesmo vehículo acompañado por outros dous mozos. As dúas veces argumentaron que saíran a dar unha volta “por estar cansos de estar na casa”. O día 26 volveu pilotar o coche por Vimianzo e, ao ser parado por axentes da Garda Civil, limitouse a dicir que se atopaba “dando un paseo”.

Unha hora despois interceptárono na estrada AC-552, no termo municipal de Vimianzo, e díxolles aos funcionarios que se aburría no seu domicilio. Case no mesmo punto quilométrico localizárono o día 30 cando, sen causa xustificada, estaba acompañado dunha rapaza.