O TSXG avala a integración do transporte da Xunta previa á aprobación do plan definitivo

Os maxistrados salientan que o Consello da Xunta de Galicia “estaba habilitado” para adoptar a decisión de autorizar a integración das modalidades de transporte

Autor
Comunicación Poder Judicial

A sección segunda da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia rexeitou o recurso interposto por dúas empresas contra o acordo do Consello da Xunta do 24 de maio de 2017, que autorizou a integración de distintas modalidades de transporte, e o do 6 de xullo de 2017, no que se fixaron os criterios relacionados co proceso de integración. Ambas as resolucións provocaron a adxudicación directa de 41 novas concesións de transporte zonais, as cales engloban máis de 570 liñas de bus. O TSXG mantén o mesmo criterio nas resoluciones do resto de recursos contra estes acordos presentados por outras compañías de transporte.

Os maxistrados salientan que o Consello da Xunta de Galicia “estaba habilitado” para adoptar a decisión de autorizar a integración das modalidades de transporte. “Trátase dunha adxudicación directa e necesaria para evitar o risco de interrupción do servizo, tendo en conta a conxunción de tres elementos: o vencemento dos prazos das concesións, a renuncia masiva dos concesionarios a continuar na prestación do servizo e o tempo necesario para proceder á licitación polo procedemento aberto, moi superior ao prazo anual de mantemento na prestación do servizo como obrigación de servizo público”. O tribunal indica na parte dispositiva que se produciu “unha renuncia masiva por parte dos concesionarios (69 concesións), que afectou a toda a provincia de Ourense e Lugo, así como a gran parte da provincia de Pontevedra, e que determinou a aplicación das medidas de emerxencia previstas”.

A situación de risco de interrupción do servizo, segundo a resolución, “non é atribuíble a unha actuación deliberada da Xunta”, senón que é “o resultado dunha determinada decisión xudicial previa –ao anular a prórroga das concesións primitivas de transporte- e dunha conduta dos concesionarios –ao renunciar á continuación dos servizos-“. Todo iso, segundo o Superior, determinaba “un risco certo de interrupción dos servizos nun breve prazo de doce meses, insuficiente para tramitar a licitación polo procedemento aberto”.

A adxudicación directa, por tanto, estaba “xustificada”, segundo o alto tribunal galego. A Sala, ademais, destaca que os acontecementos posteriores “corroboraron a efectiva necesidade de tal medida transitoria para garantir a continuidade do servizo”, xa que a Xunta, unha vez que adxudicou os 41 lotes aos que se refiren os pregos e proxectos impugnados, “realizou as actuacións precisas para aprobar o plan de transporte público de Galicia e poder licitar os novos contratos de servizo público”.

Os maxistrados explican que se trata dun proceso de integración de modalidades de transporte “que se fixo efectivo, con cobertura legal, antes da aprobación do instrumento que de forma definitiva e estable planifica o sistema de transporte público de viaxeiros en Galicia”. Os acordos recorridos, por tanto, tiveron “unha dimensión temporal limitada”.