A instrutora da causa do narcosubmarino pronúnciase sobre a prisión provisional de tres investigados

Dentro da operación se interceptou un narcosubmarino con máis de 3.000 quilos de cocaína na ría de Aldán

Autor
Comunicación Poder Judicial

A titular do Xulgado de Instrución número 1 de Cangas acordou manter en prisión provisional a dous dos detidos dentro da operación na que se interceptou un narcosubmarino con máis de 3.000 quilos de cocaína na ría de Aldán. Un dos investigados é un presunto tripulante e, o outro, é sospeitoso de ter unha “activa participación na operación de narcotráfico”.

A xuíza decretou a posta en liberdade provisional, baixo fianza de 50.000 euros, dun terceiro sospeitoso. Neste caso, está investigado por colaborar persoal e materialmente “para que a singradura concluíse exitosamente”. A instrutora impúxolle a obriga de comparecer perante o xulgado con periodicidade semanal e a retirada do pasaporte con prohibición de saída do territorio nacional. A titular do Xulgado de Instrución número 1 de Cangas indica que, aínda que o tempo transcorrido desde que se acordou a súa prisión provisional “non é significativo en relación coa gravidade das penas que comporta o ilícito penal que se lle imputa”, durante ese tempo “practicáronse unha serie de dilixencias que permitiron avanzar na instrución de forma significativa, diminuíndo o risco de fuga e de obstrución á acción da xustiza”.

Respecto ao presunto tripulante do narcosubmarino ao que lle denegou a posta en liberdade, a xuíza relata no auto que o sospeitoso se deu á fuga tras ser interceptado na madrugada do día 24 de novembro, xunto con outras dúas persoas, e permaneceu oculto ata a súa detención nunha casa do lugar de Hío. A maxistrada salienta que concorre “non só un risco certo de fuga, derivado da mera ameaza de imposición dunha pena tan grave como a prevista no Código penal para os delitos polos que é investigado, senón que concorre un risco certo de reiteración delituosa, fundamentado no carácter organizado da súa actividade criminal”.

No auto insiste en que o tempo transcorrido en prisión provisional é “insignificante” se se teñen en consideración “as penas asociadas ao delito, as evidencias acumuladas que o incriminan e a necesidade de previr a súa fuga”.

En canto ao outro sospeitoso que permanecerá en prisión provisional, a xuíza subliña que, á vista dos indicios existentes “non cabe falar, tal e como se di no recurso, dun mero encubrimento por parte do investigado e, menos aínda, dunha desistencia, senón, pola contra, dunha participación directa na organización de narcotráfico internacional investigada”. A instrutora, do mesmo xeito que no caso anterior, considera que existe risco de fuga, que deriva “da importancia das penas coas que podería resultar castigado o recorrente”.

A titular do Xulgado de Instrución número 1 de Cangas recalca en todos os autos que ningunha circunstancia sanitaria “impón unha alteración do réxime dos centros penais”. A instrutora indica que só en casos “dunha gravidade moi inferior á do presente, en relación co cumprimento de medidas persoais moito máis liviás, se puido indicar a toma doutro tipo de decisións, seguindo as indicacións da OMS”.

A maxistrada destaca, ademais, que as decisións sobre a situación persoal de cada investigado obedecen “ás súas circunstancias particulares”, polo que advirte que “non debe estrañar que as decisións adoptadas respecto dos investigados que estean máis preto do núcleo da actividade investigada, como quen guiaba o semisomerxible incautado ou coordinaban a súa singradura en comunicación directa con estes, non sexan as mesmas que respecto doutros investigados”.