Un xulgado condena a seis anos e medio de cárcere ao autor do tiroteo nunha festa de pedida de man no Porriño

Os feitos, segundo consta na sentenza, sucederon durante a madrugada do 19 de maio de 2019 no Centro Multiusos do Porriño (Pontevedra), onde un centenar de persoas asistía á celebración nunha pedida de man

Autor
Comunicación Poder Judicial

O Xulgado do Penal número 3 de Pontevedra condenou a seis anos e medio de cárcere, como autor de dous delitos de lesións con instrumento perigoso, coa agravante de reincidencia, e outro de tenza ilícita de armas, a un membro da coñecida como familia dos morones por irromper nunha pedida de man e disparar ao teito en polo menos seis ocasións. Os feitos, segundo consta na sentenza, sucederon durante a madrugada do 19 de maio de 2019 no Centro Multiusos do Porriño (Pontevedra), onde un centenar de persoas da familia dos zamoranos, asistía á celebración. Como consecuencia dos disparos, dous proxectís rebotaron e impactaron nunha menor, á que o condenado deberá abonar 33.011 euros, e noutro invitado, a quen terá que indemnizar con 33.958 euros. A xuíza, ademais, ordenou na sentenza que se deduza testemuño contra tres persoas que declararon no xuízo pola posible comisión dun delito de falso testemuño. 

A maxistrada asegura que, “a pesar da animadversión recíproca derivada do enfrontamento de ambos os dous clans”, resulta “crible” a versión dos asistentes á pedida de man “pola inmediatez das súas primeiras declaracións, todas coincidentes en identificar ao acusado, sen ningunha dúbida, xa desde o primeiro momento”. Así, a xuíza insiste en que sería “verdadeiramente difícil” que se houbesen concertado todas as testemuñas “para declarar nun determinado sentido apenas unha hora despois do suceso”. 

A titular do Xulgado do Penal número 3 de Pontevedra destaca que o autor dos disparos “actuou con conciencia do risco que creaba, canto menos para a integridade física das persoas que se atopaban no lugar, e, a pesar diso, executou a súa acción, sendo ademais coñecedor de primeira man dos perigos que comportan as armas, xa que afirmou no plenario que lle encantan e que as identifica a quilómetros”.