Germán Serrano, reelixido xuíz decano de Vigo

Na votación celebrada hoxe contabilizáronse 28 votos a favor e ningún en contra

Autor
Comunicación Poder Judicial

O actual xuíz decano de Vigo, Germán Serrano, foi elixido de novo para o cargo nunha xunta de xuíces celebrada hoxe. Na votación contabilizáronse 28 votos a favor e ningún en contra. Desta maneira, Germán Serrano, nacido en Granada en 1973, afronta o seu terceiro mandato co obxectivo de conseguir un traslado o máis “efectivo posible” á futura Cidade da Xustiza de Vigo, que supoña “o menor número de inconvenientes posible tanto para os profesionais da Xustiza como para os cidadáns”. Outro dos retos que Serrano mencionou é a implementación “total” do papel cero nos xulgados da cidade.

Licenciado en Dereito pola Universidade de Granada, doutorouse en Vigo en abril de 2015 cunha tese titulada O novo proceso xudicial de conflito colectivo, coa que obtivo a nota de sobresaliente cum laude. Ingresou na carreira xudicial en 1999, tomando posesión tras superar a Escola Xudicial como titular do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución Único de Baena (Córdoba). En abril de 2003 ascendeu á categoría de maxistrado e incorporouse ao Xulgado do Social número 2 de Vigo, xurisdición na que continúa na actualidade.

É decano dos xulgados de Vigo desde 2009 e desde 2014 membro da Sala de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, onde exerce como delegado de Discapacidade e membro da Comisión de Prevención de Riscos Laborais e de Xuíces Substitutos. Recibiu ademais a medalla da Orde ao Mérito Policial con distintivo branco.