Absolto un empresario ourensán acusado de vender produtos similares aos da marca Tous

A empresa solicitara dous anos de prisión e 24 meses de multa (cunha cota diaria de 20 euros) para o acusado e que a súa empresa afrontase o pago dunha multa situada entre o dobre e o triplo do beneficio obtido pola venda desas xoias

Autor
Comunicación Poder Judicial

O Xulgado do Penal número uno de Ourense absolveu dun delito contra a propiedade industrial a un empresario acusado de vender a tendas de toda España xoias que gardaban certas similitudes en canto a deseño coas marcas e modelos industriais rexistrados pola empresa catalá Tous.

A empresa solicitara dous anos de prisión e 24 meses de multa (cunha cota diaria de 20 euros) para o acusado e que a súa empresa afrontase o pago dunha multa situada entre o dobre e o triplo do beneficio obtido pola venda desas xoias. Ademais, en concepto de responsabilidade civil, reclamara que o empresario e o seu grupo empresarial pagasen os 70.000 euros que custa unha licenza para vender os produtos de Tous, “por cada ano que quedase acreditada a infracción”.

As xoias intervidas foran fornecidas por unha empresa cordobesa, que sometera os seus produtos a controis por parte dos laboratorios correspondentes e eran distribuídas en distintos locais que a firma ourensá tiña abertos por toda a xeografía española.

A sentenza sinala que os obxectos que se vendían nos establecementos da marca ourensá "non son idénticos nin confundibles" cos de Tous e que en "ningunha das pezas" aparecía impreso o nome da marca catalá. Así refire que a xoia con forma de oso comercializada pola firma ourensá "ten os ollos alongados, mentres que o de Tous ten puntos; e ten boca, non un punto" como o da empresa catalá. Tamén se mencionan diferenzas noutras pezas, como un pendente coa figura dunha nena onde "as diferenzas son evidentes".