O TSXG confirma a condena de seis anos de cárcere ao home que intentou asfixiar a súa exparella cun albornoz en Ourense

Os xuíces rexeitaron a solicitude do condenado de que lle atenuasen a pena por trastorno mixto da personalidade e dependencia de substancias estupefacientes

Egilea
Comunicación Poder Judicial

A Sala do Civil e do Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a condena de seis anos de prisión imposta pola sección segunda da Audiencia Provincial de Ourense a un home que intentou asfixiar a súa exparella cun albornoz. O tribunal considerouno culpable dun delito de homicidio en grao de tentativa, coa concorrencia da agravante de parentesco, en concurso cun delito continuado de quebrantamento de medida cautelar. O TSXG rexeitou o recurso interposto polo sospeitoso ao considerar que a suspensión da acción da asfixia non foi voluntaria, pois salienta que “o acometemento” finalizou cando a vítima conseguiu propinarlle unha patada a unha mesa de cristal. Foi nese momento cando o agresor, que estaba sobre ela, se levantou, cousa que a muller aproveitou para chegar gateando á porta e pedir auxilio a unha veciña.

Os maxistrados consideraron acreditado que o procesado pretendía “acabar coa vida” da súa excompañeira sentimental, pois utilizou unha das mangas do albornoz “a modo de soga”, dirixiuse ao pescozo da vítima e exerceu unha presión que “buscaba a súa asfixia”. Ademais, os xuíces rexeitaron a solicitude do condenado de que lle atenuasen a pena por trastorno mixto da personalidade e dependencia de substancias estupefacientes.

O TSXG tamén rexeitou o recurso das acusacións, que pedían a aplicación da agravante de aleivosía, pois entende que “os termos da discusión previa e o feito de que a apelante intentase resolvela afastándose, impiden conceptuar o ataque como sorpresivo”.