O Xulgado rexeita impoñer ao hospital Montecelo as medidas esixidas polo marido dunha sanitaria para protexelo fronte ao Covid-19

O demandante sostén que o Sergas incorreu en “vía de feito” ao habilitar a planta quinta para o internamento de infectados polo virus, colocar a dous enfermos por habitación e non dotar ao persoal sanitario de equipos de protección

Autor
Comunicación Poder Judicial

O Xulgado do Contencioso-administrativo número 1 de Pontevedra rexeitou a solicitude de medidas cautelares interposta por un avogado, no seu nome e no do seu fillo, respecto ao tratamento de enfermos de Covid-19no hospital Montecelo. O demandante, marido dunha auxiliar de enfermería do centro, esixe a adopción de “medidas de reforzo de material e de persoal” para defender a súa saúde e a do seu fillo, menor de idade. Ademais, reclama a colocación dun único paciente afectado por Covid-19 na quinta planta do hospital.

O demandante sostén que o Sergas incorreu en “vía de feito” ao habilitar a planta quinta para o internamento de infectados polo virus, colocar a dous enfermos por habitación e non dotar ao persoal sanitario de equipos de protección. Con iso, segundo o seu escrito, pon “en grave risco de contaxio” á súa muller, destinada nesa planta. Como el e o seu fillo conviven con ela no mesmo domicilio, entende que con ese risco se afecta o seu dereito fundamental á integridade física e ao dereito fundamental á defensa letrada nos procesos xudiciais porque se a súa esposa lle contaxia o Covid-19 se verá “imposibilitado” para asesorar e defender xuridicamente aos seus clientes.

O xuíz salienta na sentenza que, tal como acredita o Sergas, “as decisións adoptadas sobre o destino e organización da planta quinta do Hospital Montecelo ante a crise do Covid-19 están motivadas e ditáronse no marco duns protocolos aprobados pola Administración sanitaria”. Polo tanto, a actuación denunciada polo actor, segundo o fallo, non constitúe unha “vía de feito”, na que incorre a Administración cando actúa un órgano manifestamente incompetente ou prescinde por completo do procedemento establecido.

“O actor poderá discrepar, pero non tachar esa decisión organizativa de ‘vía de feito’”, recalca o xuíz, quen indica que a mesma conclusión se alcanza respecto a denuncia sobre a ausencia de medios materiais necesarios para evitar o contaxio. Ademais, destaca no fallo que a pretensión do demandante “pon en evidencia a súa falta de lexitimación activa”, pois a súa acción se dirixe “a defender intereses alleos: A seguridade e saúde no traballo de terceiros que non son parte no proceso xudicial”.

“É moi significativo que a principal afectada pola situación de risco laboral que denuncia, a súa propia esposa, non asinase a reclamación previa, nin forme parte deste proceso. Tampouco o fixo ningunha organización sindical dos empregados do Hospital”, recalca o maxistrado.

O titular do Xulgado do Contencioso-administrativo número 1 de Pontevedra tamén advirte da existencia “dun defecto de falta de xurisdición”, pois a denuncia “se corresponde coa materia de prevención de riscos laborais, cuxo coñecemento se lle atribúe á xurisdición social”.

A solicitude de medidas cautelares tamén é inadmisible, segundo a resolución, porque para os supostos de “vía de feito”, que é a que expón o demandante, a lei dispón que se o actor formula un requirimento previo na vía administrativa, a Administración dispón do prazo de dez días para respondelo. Mentres tanto, non se pode interpoñer o recurso contencioso-administrativo nin, consecuentemente, solicitar medidas cautelares en vía xudicial. “Neste caso, con toda evidencia, o actor interpuxo a súa solicitude de medidas cautelares cando aínda non transcorrera o prazo de dez días desde a data de entrada do requirimento previo no rexistro do Sergas”, destaca o maxistrado.