A Audiencia revoga o depósito do mobiliario do pazo de Meirás a favor do Estado porque só reclamou o predio

O tribunal destaca que a Administración demandou un dereito de propiedade sobre unha parcela catastral, un concepto que non inclúe “mesas, cadeiras, vaixelas, alfombras ou cadros”. Os xuíces lembran que na sentenza de primeira instancia “non se di que os mobles sexan propiedade do Estado, nin nunca se tocou esa cuestión en todo o litixio”. Os maxistrados deixan aberta a posibilidade de que o Estado poida reclamar noutro preito a titularidade dos mobles que considere de Patrimonio Nacional asignados ao xefe do Estado

Autor
Comunicación Poder Judicial

A sección terceira da Audiencia Provincial da Coruña revogou o auto do Xulgado de Primeira Instancia número 1 que ordenaba depositar a favor do Estado todos os mobles e elementos accesorios do pazo de Meirás. O tribunal acolleu o recurso interposto pola familia Franco e deixou sen efecto a medida cautelar acordada a pedimento da Administración, á que condenou a indemnizar os recorrentes polos danos e perdas que lles ocasione a orde agora anulada.

Os maxistrados explican na resolución que, neste momento procesual, é dicir, no da execución provisional da sentenza que outorga a titularidade do pazo ao Estado, non procede a discusión sobre a quen lle pertence o mobiliario, pois a Administración non o reclamou na súa demanda inicial. A Audiencia Provincial, con todo, deixa aberta a posibilidade de que a Administración poida demandar noutro preito a titularidade dos mobles que considere propiedade de Patrimonio Nacional asignado ao uso do xefe do Estado. “Ese argumento non pode ser tido en consideración neste trámite. Estase a executar unha sentenza, polo que soamente se pode entrar no que di a parte dispositiva da resolución xudicial. Eses argumentos poderá utilizalos, se fose o caso, como fundamento dunha demanda en que reivindique o mobiliario”, indica o tribunal.

Na resolución, contra a que non cabe interpoñer recurso, os maxistrados explican que “unicamente se demandou, e así se estimou, un dereito de propiedade sobre unha parcela catastral”, polo que consideran “evidente” que o concepto de “inmoble por incorporación” nunca podería estenderse “a mesas, cadeiras, vaixelas, alfombras ou cadros”.

Os xuíces lembran que, de acordo co artigo 703.1.2 da Lei de axuizamento civil, quen está obrigado a entregar a posesión dun inmoble ten dereito a retirar os mobles non comprendidos na executoria da sentenza. “Se a finalidade do Estado era evitar que se puidesen esgazar elementos arquitectónicos que se deben considerar parte do inmoble, nada obstaba a que solicitase que estivese presente a comisión xudicial cando se procedese á retirada do mobiliario”, destaca o tribunal, quen engade que outra opción sería promover anticipadamente un incidente de execución “a fin de determinar que elementos deben considerarse inseparables, como podería ser a discusión sobre un cruceiro, un hórreo ou elementos pétreos do xardín, ou un retablo ou outros obxectos, pero non establecer que non pode retirarse ningún moble”.

Os xuíces afirman que, malia o depósito dos mobles solicitado polo Estado dentro do trámite de execución provisional da sentenza, “en ningún momento a Administración anuncia unha futura demanda para postular a propiedade dese mobiliario”. Neste sentido, o auto aclara que para adoptar unha medida cautelar ten que estar vivo un litixio xudicial (ou manifestar que se presentará a demanda en prazo perentorio), o que non sucede neste caso. Os maxistrados recalcan que na resolución de primeira instancia “non se di que os mobles sexan propiedade do Estado, nin nunca se tocou esa cuestión en todo o litixio”.

No auto, o tribunal lembra que só as dúas estatuas do Mestre Mateo están catalogadas como Ben de Interese Cultural, á vez que sinala que a Lei de patrimonio de Galicia “non establece ningunha perda de propiedade civil” por parte dos titulares deses bens polo feito de estaren catalogados. Os xuíces salientan que na demanda non se reivindica “un ben de interese cultural como conxunto formado tanto por bens mobles e inmobles” e indican que “nin existe esa declaración administrativa, nin é o recoñecido en sentenza”.