O maxistrado do TS José Manuel Bandrés reclama incrementar as capacidades orzamentarias e organizativas do sistema xudicial

Pronunciou a conferencia inaugural do segundo curso da Escola de Verán do Poder Xudicial, que se celebra no pazo de Mariñán

Autor
Comunicación Poder Judicial
De Izquierda a derecha, Juan Manuel Fernández, Bandrés y Álvaro Cuesta
De Izquierda a derecha, Juan Manuel Fernández, Bandrés y Álvaro Cuesta

O maxistrado da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo José Manuel Bandrés apostou por unha renovación do pacto constitucional sobre a Xustiza alcanzado en 1978 coa finalidade de “incrementar as capacidades orzamentarias e organizativas do sistema xudicial” para asegurar un bo funcionamento da Administración de Xustiza. Bandrés pronunciou esta tarde a conferencia inaugural do segundo curso da Escola de Verán do Poder Xudicial, que se celebra no pazo de Mariñán baixo o título Que Xustiza desexan os xuíces españois.

Ante os participantes no curso e as autoridades presentes, o maxistrado expuxo dez propostas “para que a Xustiza amose o seu rostro constitucional”. Fortalecer a independencia dos membros do poder xudicial, reforzar as funcións do Tribunal Supremo e dos Tribunais Superiores de Xustiza para garantir de forma eficiente os principios de seguridade xurídica e de igualdade na aplicación xudicial do Dereito, así como reformar a estrutura organizativa e as competencias do Consello Xeral do Poder Xudicial foron as tres primeiras medidas propostas.

Bandrés tamén considerou necesario promover a elección directa polos xuíces e maxistrados dos presidentes dos Tribunais de Xustiza, crear unha axencia estatal en materia de informatización xudicial, racionalizar e actualizar a planta xudicial creando os tribunais de instancia e incrementar o cadro de persoal de xuíces e maxistrados ata dobrar o número de efectivos que existen na actualidade, de xeito que no próximo decenio se chegue a 10.000 xuíces.

Para finalizar, o maxistrado do TS manifestou a necesidade de outorgar carácter vinculante á Carta dos dereitos dos cidadáns ante a Administración de Xustiza, así como de avanzar na dixitalización e mellorar os mecanismos de rendición de contas e de avaliación e control da calidade do servizo público da Xustiza.