O Xulgado decreta o arquivo da investigación do accidente do Novo Marcos

A maxistrada indica na resolución que o accidente, sucedido o 26 de abril de 2017 na ría de Pontevedra, non é atribuíble ao presidente da Autoridade Portuaria de Marín e da Ría de Pontevedra e ao presidente de Portos de Galicia

Autor
Comunicación Poder Judicial

O Xulgado de Instrución número 3 de Pontevedra decretou nun auto o sobresemento provisional e arquivo das dilixencias relacionadas co naufraxio do Novo Marcos, no que faleceron tres persoas. A maxistrada indica na resolución que o accidente, sucedido o 26 de abril de 2017 na ría de Pontevedra, non é atribuíble ao presidente da Autoridade Portuaria de Marín e da Ría de Pontevedra e ao presidente de Portos de Galicia, tal e como demandaban as acusacións particulares. A Fiscalía, pola súa banda, solicitaba o sobresemento provisional do caso. A xuíza, polo tanto, descarta a existencia de tres delitos de homicidio por imprudencia grave e dun delito contra os dereitos dos traballadores.

A titular do Xulgado de Instrución número 3 de Pontevedra explica que o informe da Comisión Permanente de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos (CIAIM) conclúe que os factores que contribuíron ao afundimento do barco foron “que o polígono de bateas non dispoñía de balizamento, que era unha noite escura que non permitía ver as bateas, a non ser que estivesen a vixiar o radar, que a vixilancia non foi eficaz nin a situación foi avalada correctamente pola tripulación e, como factor máis importante, que a conciencia de seguridade da tripulación non era a adecuada”.

A xuíza sinala no auto que a embarcación, sen estar obrigada, dispoñía dun radar e de dispositivos de salvamento e protección individual, así como dunha radiobaliza de localización. “Con todo, unha vez choca coa batea, non se detivo nin minorou a velocidade, senón que continuou a marcha cara ao porto de Combarro, que se atopaba a apenas catro minutos, sen efectuar ningunha chamada de socorro nin realizar unha valoración de danos nin das consecuencias de seguir navegando”, indica a maxistrada, quen salienta que “tampouco prepararon o abandono da embarcación nin o uso dos dispositivos de salvamento e protección individual dos que si dispoñía a embarcación, que se afundiu apenas uns minutos despois do choque”.

O informe da CIAIM confirma que a posición do polígono de bateas “non se axusta ao que indica a orde que o regula”, pero considera que “non contribuíu ao accidente porque os patróns de pesca coñecen a zona e navegan á vista”. A CIAM subliña que o goberno dunha embarcación require “manter en todo momento unha vixilancia da contorna para avaliar continuamente a posición do buque e o risco de colisión” e que no roteiro que debía seguir o Novo Marcos “existía un certo risco de colisión pola presenza do polígono de bateas, algo que a tripulación debía coñecer por ser da zona e por faenar con regularidade nela”.