O TSXG incrementa a axuda de custo dunha funcionaria por considerala “insuficiente” para afrontar gastos en Madrid

Recoñeceu o 50 % da axuda de custo enteira por aloxamento e manutención durante o período comprendido entre o 15 de outubro de 2018 e o 8 de marzo de 2019 durante o cal residiu en Madrid para realizar un curso obrigatorio

Autor
Comunicación Poder Judicial

A sección primeira da Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG recoñeceu o dereito dunha funcionaria a percibir, en concepto de indemnización por residencia eventual, o 50 % da axuda de custo enteira por aloxamento e manutención do grupo 2 durante o período comprendido entre o 15 de outubro de 2018 e o 8 de marzo de 2019, con exclusión do período vacacional do Nadal, durante o cal residiu en Madrid para realizar un curso obrigatorio. “Se se ten en conta que o 30 % da axuda de custo enteira é de 945 euros ao mes de media, correspondendo 744 euros para aloxamento, con base na información obtida do Concello de Madrid, quedan para manutención 201 euros, o que significa unha axuda diaria de 6,7 euros, cantidade notoria e notablemente insuficiente para afrontar en Madrid os gastos de almorzo, comida, cea e teléfono”, recalcan os maxistrados.

Os xuíces, ademais, subliñan que ao tratar conxuntamente a porcentaxe do 30 % como límite para aloxamento e manutención, e non computalos por separado, “non só non se ten en conta o incremento do prezo de aloxamento, senón que este último leva a maior parte da axuda de custo e prexudícase notablemente ao funcionario, que se vería obrigado a reducir notablemente os gastos de manutención ata o punto de facer imposible afrontalos coa axuda”.

Aínda que a porcentaxe de residencia eventual á que ten dereito quen se ache no caso da recorrente se fixa nun 30 %, que é o previsto para ingreso en corpos ou escalas por promoción interna de duración superior a tres meses que se desenvolvan en localidade distinta á da residencia oficial do funcionario, o TSXG indica que, neste caso, coa porcentaxe do 30 % da axuda de custo enteira “o funcionario non ten abondo para afrontar os gastos medios en concepto de aloxamento e manutención en Madrid”.

A recorrente, funcionaria de carreira da Administración do Estado na especialidade de Administración Tributaria, estaba destinada na delegación de Vigo e superou a fase de oposición do proceso selectivo polo sistema de promoción interna para o acceso ao Corpo Técnico de Facenda, subgrupo A2, convocado por resolución do 29 de setembro de 2017. Unha vez superada a oposición, a Axencia Tributaria concedeulle unha comisión de servizo no Instituto de Estudos Fiscais do Ministerio de Facenda, situado en Madrid, para asistir ao curso selectivo obrigatorio dese proceso. Por iso, a recorrente tivo que desprazarse e residir temporalmente en Madrid desde o 15 de outubro de 2018 ata o 8 de marzo de 2019. O Superior destaca que a Administración, ao non aumentar a porcentaxe do 30 % desde 2003, “tampouco tivo en conta o notorio e importante incremento do prezo do aloxamento en Madrid, sobre todo nos últimos tempos”.