A Audiencia absolve dous acusados de roubar e agredir sexualmente a un home en Ourense

O tribunal indica na sentenza que a declaración da vítima é “a única proba” contra os acusados, pois carece de “elementos periféricos” que a confirmen

Autor
Comunicación Poder Judicial

A sección segunda da Audiencia Provincial de Ourense absolveu dous acusados de roubar a un home, golpealo e agredilo sexualmente, para os que a Fiscalía demandaba unha condena de once anos e medio de cárcere. O tribunal indica na sentenza que a declaración da vítima é “a única proba” contra os acusados, pois carece de “elementos periféricos” que a confirmen. De feito, a exploración física do denunciante “non evidencia marcas ou erosións propias dos golpes, nin tampouco da agresión sexual”.

Aínda que o testemuño do denunciante é “persistente, en canto non se aprecian variacións substanciais nas súas declaracións anteriores”, a Audiencia considera que é insuficiente como proba de cargo. “Non detalla a forma na que se produciron os feitos, as consecuencias derivadas do mesmo, se o acusado terminou o acto sexual, ou como se desenvolveu a agresión física, pois en ningún momento indica que previamente se sacase a roupa”, sinala o tribunal no fallo, no que tamén afirma que é “difícil de explicar que despois dun feito de tal violencia, os acusados se poñan en contacto coa vítima para devolverlle a tarxeta sim do teléfono e acuda ao lugar onde lle foi entregada sen sentir temor algún”.