O TSXG rexeita un recurso contra a resolución provisional do concurso de traslados entre funcionariado de xestión, tramitación e auxilio da Administración de Xustiza

Os maxistrados salientan que a resolución provisional previa está ideada “para corrixir os erros de cualificación de cada interesado, non os eventuais erros de cualificación dos demais participes”

Autor
Comunicación Poder Judicial

A sección primeira da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) rexeitou o recurso interposto por unha funcionaria da Administración de Xustiza do corpo de tramitación procesual e administrativa contra a orde pola que se resolve provisionalmente, se aproba a relación de excluídos e se anuncian os lugares onde están a dispor dos interesados os anexos III do concurso de traslado para cubrir prazas vacantes entre funcionariado dos corpos e escalas de xestión procesual e administrativa, tramitación procesual e administrativa e auxilio xudicial da Administración de Xustiza. 

A Sala explica, á hora de decidir sobre o fondo do asunto, que o impugnado é “unha resolución na que se resolve de modo provisional e non definitivo o concurso de traslado para cubrir prazas vacantes; e ademais os datos que se publican, e sobre os que poden formularse alegacións, son algúns moi específicos”. Desta forma, incide en que as alegacións que se poden presentar son “sobre determinados datos, da súa baremación e o destino provisionalmente adxudicado, é dicir, ao redor dos datos persoais do partícipe, a súa situación administrativa, número de orde e da denominación dos destinos gravados no asistente de inscrición, coa preferencia desexada polo interesado, constando a información relativa ao baremo dos méritos, o destino provisionalmente adxudicado, no seu caso, e os números de orde rexeitados e a súa causa”.

“Polo tanto, entre eses datos sobre os que se poden presentar alegacións non figuran nin as puntuacións obtidas por cada un dos/as adxudicatarios/as nin as listas das persoas participantes no concurso”, recalca o TSXG, á vez que sinala que, tal como figura na convocatoria, a resolución provisional do concurso de traslados ordinario entre funcionarios dos corpos e escalas de xestión, tramitación e auxilio está deseñada “para que cada concursante comprobe se os seus datos persoais e de participación no concurso están correctamente recollidos nas bases de datos de persoal que xestiona o Ministerio de Xustiza e as comunidades autónomas con competencias transferidas, así como a información da adxudicación de destino, no seu caso, polo que será na resolución definitiva do concurso onde aparezan as puntuacións de todos os adxudicatarios e poderán ser xa comprobadas por todos os demais concursantes, debido a que se publican, tanto na páxina web do Ministerio como no Boletín Oficial do Estado, tendo á súa disposición os medios de impugnación legais para combater, no seu caso, dita resolución definitiva”.

En consecuencia, os maxistrados salientan que a resolución provisional previa está ideada “para corrixir os erros de cualificación de cada interesado, non os eventuais erros de cualificación dos demais participes”. Por iso, asegura que, no caso de que un interesado pretenda impugnar o resultado do proceso selectivo, “ha de recorrer a resolución definitiva, sendo no seo da mesma que cabe a comparación dos puntos e datos do recorrente cos daqueles que lle precedan na orde de puntuación, fiscalizando, nese momento e de maneira limitada, que se resolveron de maneira adecuada ou non ás bases do concurso de traslados”. Na sentenza, o tribunal afirma que a demandante “non está de acordo con ese deseño que consta nas bases da convocatoria”, pero destaca que esas bases non foron impugnadas, polo que sinala que “do seu tenor ha de partirse para a decisión deste recurso”.

Por conseguinte, o TSXG non aprecia a causa de nulidade de pleno dereito prevista no artigo 47.1.a. da Lei 39/2015, pois entende que “non se acredita a lesión de ningún dereito ou liberdade susceptible de amparo constitucional, e tampouco unha causa de anulabilidade do artigo 48.1 da mesma norma legal, xa que non se demostrou ningunha infracción do ordenamento xurídico”. A resolución non é firme, pois cabe presentar recurso de apelación ante o Tribunal Supremo.