O TSXG rexeita a paralización de Reganosa solicitada por unha plataforma vecinal

A entidade advertía na súa solicitude dos “perigos inherentes da carencia do plan de emerxencia exterior”, que foi anulado pola sentenza do Supremo

Autor
Comunicación Poder Judicial

A sección segunda da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) rexeitou ordenar a paralización inmediata das actividades de recepción, almacenamento, regasificación e expedición de gas natural licuado da empresa Reganosa solicitada pola Plataforma de Veciños do Cruceiro de Mehá na súa petición de execución dunha sentenza ditada polo Tribunal Supremo en xullo de 2016.

A entidade advertía na súa solicitude dos “perigos inherentes da carencia do plan de emerxencia exterior”, que foi anulado pola sentenza do Supremo. Os maxistrados, con todo, indican que “aínda que é certo que se anulaba o plan con base a un decreto de 2007, posteriormente a ese ano, e antes do fallo xudicial de 2016, ditouse o Decreto 156/2013, do 27 de setembro, polo que se aprobaron as actualizacións de plans de emerxencia exterior de determinadas empresas químicas situadas na comunidade autónoma de Galicia”. En concreto, “actualizaba o de Reganosa”, segundo consta no auto do TSXG. Por iso, os xuíces conclúen que a empresa “tiña e ten a necesaria cobertura para continxencias de emerxencia derivadas dese plan”. 

Ademais, o TSXG destaca que na sentenza de 2016 “non se contemplaba unha paralización futura da planta, senón que a anulación foi como resultado dunha valoración de encadre urbanístico en atención á cobertura do plan da zona onde se situaba a empresa”. Esa falta de cobertura, segundo destaca a Sala, foi “obxecto de corrección posterior a través dunha modificación puntual aprobada en xuño de 2012”.