O TSXG prioriza a creación dun novo xulgado de Primeira Instancia en Ourense

O presidente do TSXG, José María Gómez y Díaz-Castroverde, desprazouse á localidade para escoitar as propostas e demandas dos membros da carreira xudicial. O novo órgano estaría especializado en Familia, co obxectivo de aliviar a gran carga de traballo do único xulgado que na actualizade coñece deses asuntos. As curatelas e tutelas suxeitas a seguimento e control, a 30 de setembro, eran 771; mentres que nos tres primeiros trimestres do ano pasado rexistráronse 671 internamentos

Autor
Comunicación Poder Judicial
El presidente del alto tribunal gallego en su encuentro con jueces y juezas de Ourense
El presidente del alto tribunal gallego en su encuentro con jueces y juezas de Ourense

O presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), José María Gómez y Díaz-Castroverde, visitou hoxe Ourense para coñecer as demandas dos xuíces e xuízas da Audiencia Provincial e dos órganos unipersoais da localidade. Durante o encontro con estes últimos, comunicoulles que a Sala de Goberno do TSXG trasladou ao Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) a necesidade de crear de forma prioritaria un novo xulgado de Primeira Instancia en Ourense, especializado en Familia. O alto tribunal galego expuxo a posibilidade de que sexa exclusivo, é dicir, que asuma só asuntos de Familia, pero non excluínte -polo que tamén se encargaría doutros casos da xurisdición civil-.

Esta petición realizouse tendo en conta o elevado número de asuntos que na actualidade soporta o xulgado de Familia que xa existe en Ourense, pois a entrada de asuntos supera o indicador establecido polo CXPX para determinar a carga de traballo dos órganos xurisdicionais. De feito, en 2021 excedeuno nun 43 %; en 2022, nun 44 %; e, nos tres primeiros trimestres de 2023, nun 39 %. Entre xaneiro e setembro do ano pasado o órgano ingresou 1.535 asuntos e resolveu 1.235. Trátase dun xulgado que está reforzado desde 2019.

Na actualidade, a maxistrada que o apoia encárgase, unicamente, da totalidade dos internamentos do órgano, así como do control e seguimento das tutelas e curatelas. O CXPX destaca nun informe sobre o órgano que o elevado número de residencias que hai no partido xudicial provoca que rexistre “un altísimo número” de internamentos, en concreto, 671, nos tres primeiros trimestres de 2023, e de curatelas e tutelas suxeitas a seguimento e control -ao 30 de setembro de 2023 eran 771-.

Os/as xuíces/zas dos xulgados unipersoais tamén lle trasladaron ao presidente do TSXG a súa preocupación polos efectos da folga dos avogados/as de oficio. Neste sentido, Díaz-Castroverde lembroulles que a decisión de suspender ou non os actos procesuais é xurisdicional, polo tanto, depende de cada xuíz/a, á vez que lembrou os prexuízos que esta situación supón para os xusticiables e para a cidadanía.

Por último, os xuíces queixáronse do excesivo tempo que tarda a Xunta de Galicia en enviar persoal funcionario cando se produce unha situación de baixa ou xubilación. Ademais, trasladaron ao presidente do TSXG que detectan problemas na formación deste persoal.

No encontro cos maxistrados/as da Audiencia Provincial os/as asistentes destacaron a boa marcha deste órgano colexiado. Fixeron especial incidencia na sección civil, que mellorou enormemente os tempos de resposta grazas á incorporación dunha nova maxistrada e dun Xuíz de Adscrición Territorial, quen leva tempo destinado nesa sección, que na actualidade conta con seis integrantes.