Un xulgado de Lugo condena a 21 meses de cárcere a un home por gravar e difundir un vídeo sexual dunha parella en Vilalba

A vítima foi alertada por persoas coñecidas ás que a través de WhatsApp lles chegara o vídeo, relata o maxistrado na resolución

Autor
Comunicación Poder Judicial

O Xulgado do Penal número 2 de Lugo condenou a 21 meses de cárcere, como autor dun delito de descubrimento e revelación de segredos, a un home por gravar a unha parella mantendo relacións sexuais nas inmediacións do Parque do Cemiterio de Vilalba e divulgar o vídeo a través de WhatsApp. Na sentenza, ditada coa conformidade do acusado, o maxistrado indica que cometeu os feitos “sabendo que causaba inxerencias na vida privada dunha persoa e cunha clara finalidade de prexudicar a reputación da muller”.  

Ademais, o xuíz sinala que a parella buscara esa zona “para desenvolverse libremente, como lugar apartado e con escasa iluminación, no que esperaba atopar intimidade para manter relacións íntimas sen expoñerse á curiosidade allea, sen que en ningún momento fose consciente de que era gravada nin dese consentimento algún para iso”. A difusión por parte do condenado, quen era amigo do home que mantiña as relacións sexuais, da gravación provocou “a divulgación masiva das imaxes ilicitamente capturadas, principalmente na zona de Vilalba e As Pontes (A Coruña)”. 

A vítima foi alertada por persoas coñecidas ás que a través de WhatsApp lles chegara o vídeo, relata o maxistrado na resolución, na que destaca que as imaxes e gravacións foron “obtidas furtivamente, nun ámbito persoal” e que a súa posterior difusión, sen o consentimento da afectada, “lesionou gravemente a súa intimidade, sen que en ningún momento puidese facer uso da facultade de decidir a exclusión do coñecemento das devanditas imaxes por parte de terceiros”.  

Como consecuencia destes feitos, a muller sufriu “unha situación persoal de angustia e presentou síntomas de ser estigmatizada”, segundo recalca na sentenza, contra a que non cabe presentar recurso porque foi ditada baixo a conformidade de todas as partes implicadas no procedemento. O xuíz., que tivo en conta as atenuantes de confesión e de dilacións indebidas, acordou a suspensión da pena de prisión imposta ao condenado durante dous anos, condicionada a que durante ese período non delinca e a que abone á vítima unha indemnización de 9.000 euros polos danos psicolóxicos e morais que sufriu.