O xulgado conclúe a investigación sobre o ataque dun pit bull a unha nonaxenaria en Vigo

A titular do Xulgado de Instrución número 1 de Vigo destaca no auto que o ataque “non se cuestiona” e que as lesións están acreditadas polo informe de sanidade forense

Autor
Comunicación Poder Judicial

O Xulgado de Instrución número 1 de Vigo concluíu a investigación sobre o ataque dun pit bull a unha nonaxenaria, veciña da persoa que se encargaba do can, por se os feitos que se lle imputan a esta última puidesen ser constitutivos dun delito de lesións por imprudencia grave. 

No auto, a xuíza indica que, do practicado na causa, resulta indiciariamente acreditado que o 29 de abril de 2021 a investigada, quen se ocupaba do can, pois o tiña baixo o seu coidado e custodia desde polo menos seis meses antes, “a pesar de tratarse dun animal agresivo e que xa mordera a outro veciño do mesmo inmoble”, abriu a porta para saír da súa vivenda “sen adoptar ningunha precaución nin coidado” e, ao mesmo tempo, saíu o animal, “que baixou directamente ao portal do edificio”. No relanzo, diante do ascensor, atopouse coa vítima, quen foi atacada polo can. Como consecuencia da agresión, sufriu “lesións e secuelas de importantísima entidade”, principalmente na cara, segundo sinala a maxistrada na resolución. 

A titular do Xulgado de Instrución número 1 de Vigo destaca no auto que o ataque “non se cuestiona” e que as lesións están acreditadas polo informe de sanidade forense. Ademais de morder a outro veciño, a xuíza subliña que facía unha semana que axentes da Policía Local acudiran ao domicilio da investigada debido ás queixas dunha veciña doutro inmoble pola situación do animal, pero non lles abriu a porta. Das propias declaracións da investigada, segundo a maxistrada, “infírese que era un animal con comportamentos agresivos e dificilmente controlable, pois dixo textualmente que lle pegaron dúas veces e que, desde entón, ‘se volveu tolo’ e, aínda así, a investigada, abriu a porta para saír á rúa sen adoptar medida de precaución ou seguridade algunha”. A xuíza sinala que tampouco consta, a pesar das súas manifestacións, que ao saír o can avisase aos veciños a berros para que non saísen. 

A maxistrada ordenou continuar a tramitación das dilixencias e dar traslado das mesmas ao fiscal e á acusación particular para que no prazo de dez días formulen escrito de acusación solicitando a apertura do xuízo oral ou o sobresemento da causa, sen prexuízo de que, excepcionalmente, poidan solicitar a práctica de dilixencias complementarias que consideren indispensables.