O TSXG denega a petición dos hostaleiros da Coruña, Lugo e Pontevedra de anular as limitacións impostas pola Xunta ao sector pola COVID-19

Os maxistrados indican que “non pode prevalecer sobre o interese xeral o particular das empresas do sector da hostalería”

Autor
Comunicación Poder Judicial

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia acordou nun auto notificado hoxe denegar a medida cautelarísima solicitada pola Asociación Provincial de Empresas de Hostelería e Turismo de Lugo, a Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería de A Coruña e a Federación de Empresarios de Hostelería de Pontevedra, as cales solicitaban a suspensión da aplicación da orde da Consellería de Sanidade do 15 de agosto de 2020 na que se establecen novas medidas de prevención para facer fronte á crise sanitaria da COVID-19. En concreto, o recurso diríxese contra a disposición que ordena o peche dos locais de discotecas e demais establecementos de ocio nocturno, así como contra a que fixa como hora máxima de peche dos establecementos de hostalería e restauración as 01:00 horas, sen que se poida permitir o acceso de ningún cliente desde as 00:00 horas. Os hostaleiros tamén recorren contra a disposición que ordena o consumo dentro dos locais en barra ou sentados en mesa, ou agrupacións de mesas, asegurando o mantemento da debida distancia de seguridade interpersoal entre clientes.

A Sala destaca que unha suspensión cautelarísima como a que solicitan as entidades afectadas “significaría activar unha fonte importante de contaxios, que derivan non só da apertura de locais de ocio nocturno, e unha extensión no límite de apertura dos demais establecementos de hostalería, senón tamén dunha falta de distanciamento interpersoal, que representa unha das medidas de maior eficacia para evitar contaxios”.

Así, os maxistrados indican que “non pode prevalecer sobre o interese xeral o particular das empresas do sector da hostalería”, e asemade advirten de que as cifras de evolución da pandemia son “altamente preocupantes”.
As medidas, segundo salienta o TSXG, adoptáronse “para responder á situación de especial risco derivada do incremento de casos positivos”. Os xuíces sinalan que non ignoran “as importantes perdas que para o sector da hostalería” supoñen estas medidas, así como que detrás da solicitude da medida cautelarísima está “o interese dos empresarios do sector da hostalería de atallar e evitar os prexuízos económicos que a súa execución está a causar a un colectivo cuxos beneficios se nutren principalmente da recadación en épocas do ano como é a época estival, grazas ao turismo”. Con todo, recalcan que “tendo en conta a natureza dos intereses en conflito e a indubidable preponderancia do interese xeral na protección da saúde pública” deben denegar a medida provisionalísima solicitada.