O xuíz absolve do delito de acoso ao dono dunha empresa de autobuses de Santiago

O maxistrado indica na sentenza que os feitos, que se castigaron no ámbito social, non son constitutivos dun delito penal

Autor
Comunicación Poder Judicial

O Xulgado do Penal número 1 de Santiago absolveu ao propietario dunha empresa de autobuses e á súa filla, administradora xurídica da compañía, do delito de acoso laboral do que lles acusaba unha traballadora. O maxistrado indica na sentenza que os feitos, que se castigaron no ámbito social, non son constitutivos dun delito penal. 

O xuíz asegura na resolución que os despedimentos da empregada, en febreiro de 2010 e xaneiro de 2017, foron “dous graves actos hostís imputables ao empresario”, pero salienta que, ao longo deses sete anos, “non existen outros actos do mesmo carácter imputables aos acusados que permitan afirmar que crearon unha sistemática situación de hostilidade ou humillación fronte á denunciante xeradora dun grave acoso, que é o que caracteriza o acoso laboral penal”. O maxistrado recalca que “non se pode pretender, segundo o probado e razoado”, que a denunciante fose obxecto “dunha conduta invariable por parte dos acusados tan hostil ou atroz como para enmarcala no acoso moral penal”.