O Xulgado rexeita a paralización do servizo de axuda a domicilio de Ourense por falta de EPIS solicitada por CC.OO.

A maxistrada indica no auto que a concesionaria do servizo conta cunhas 175 auxiliares, entre as que só hai un caso positivo de contaxio

Autor
Comunicación Poder Judicial

O Xulgado do Social número 3 de Ourense rexeitou a solicitude de CC.OO. para que adoptase a medida cautelar de suspensión do servizo de axuda a domicilio do Concello de Ourense. A demandante esixía que se paralizasen as entregas mentres Atendo Calidade, que é a concesionaria, a Administración local, o Ministerio de Sanidade e a Xunta non proporcionasen os EPIS establecidos polo Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) o 31 de marzo.

A maxistrada indica no auto que a concesionaria do servizo conta cunhas 175 auxiliares, entre as que só hai un caso positivo de contaxio. “As medidas cautelares non teñen ningunha virtualidade desde o momento en que se está procedendo á entrega de EPIS na medida das posibilidades que existen e se seguen entregando de forma paulatina, tendo en conta que existe escaseza de EPIS, mesmo para o persoal sanitario, o que leva a un control da súa distribución”, destaca a xuíza.

No auto indica que, a partir das instrucións do material que deben ter as traballadoras, a empresa realizou o correspondente protocolo de actuación.

Ademais, recalca que nas circunstancias actuais “non é posible suspender a axuda a domicilio, pois só sería en caso de auxiliares ou usuarios contaxiados, tendo en conta que a atención de persoas maiores é un servizo esencial”. Contra o auto cabe presentar recurso de reposición no prazo de tres días.