A Audiencia Provincial condena a 20 anos de prisión ao home que matou á súa muller en Narón

A sentenza considera probado que o acusado, quen padecía ludopatía, agrediu á súa esposa seguindo un plan premeditado cando a muller se atopaba sentada na cama

Autor
Comunicación Poder Judicial

O presidente do Tribunal do Xurado que considerou culpable de asasinato ao home acusado de acabar coa vida da súa muller en decembro de 2015 en Narón impúxolle unha condena de 20 anos de prisión, pena solicitada tanto pola acusación particular, exercida polo fillo da vítima, como pola popular, exercida pola Xunta de Galicia.

De conformidade co veredicto do xurado, a sentenza considera probado que o acusado, quen padecía ludopatía, agrediu á súa esposa seguindo un plan premeditado cando a muller se atopaba sentada na cama. Propinoulle “golpes violentos na cara” desde atrás e tras atordala “deulle diversos cortes cun coitelo moi afiado”, o que lle provocou a morte. Segundo consta na resolución, tras ao crime, o acusado “desordenou a habitación contigua ao dormitorio e colleu nela algunhas xoias que gardou baixo unha alfombrilla do seu vehículo para simular un roubo”.

O maxistrado tivo en conta á hora de fixar a pena a circunstancia agravante de parentesco. Intégrase este asasinato, indica, “na chamada violencia de xénero, circunstancia de extraordinaria gravidade non tanto pola repercusión social e adaptación relativamente recente da nosa lexislación, que tamén, canto pola mera obviedad de que o ámbito familiar ou de convivencia íntima supón un contexto tan alleo pola súa propia natureza a toda violencia que quen o destrúe de forma tan brutal como é o caso, ten unha especial responsabilidade desde o punto de vista dun dolo intensificado e dunha maldade cruel e inintelixible”.