O TSXG obriga ao hospital Modelo da Coruña a contratar aos médicos que lle facilitaba para gardas unha empresa externa

Obriga ao centro médico a contratar a eses traballadores, os cales facturaban, a través da empresa externa, polos servizos prestados

Autor
Comunicación Poder Judicial

A Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) declarou que o hospital Modelo e os médicos que lle facilitaba a empresa Gineglobal, principalmente para gardas de xinecoloxía, manteñen unha relación laboral. Desta forma, obriga ao centro médico a contratar a eses traballadores, os cales facturaban, a través da empresa externa, polos servizos prestados. O Superior acolle, así, o recurso interposto pola Tesourería Xeral da Seguridade Social fronte á resolución do Xulgado do Social número 5 da Coruña. Según a sentenza de instancia, a empresa non tiña "outra actividade efectiva, nin estrutura empresarial propia, máis aló dos propios facultativos codemandados". Así, "non consta que realizase outra actividade máis que a contratada en exclusiva para a prestación de servizos a pacientes no Servizo de Xinecoloxía e Obstreticia dos hospitais do Sanatorio Cirúrxico Modelo”, resalta o TSXG. Os maxistrados destacan que tampouco está acreditada “unha concreta achega por Gineglobal de medios materiais propios”.

“En definitiva, non está probada á vista da sentenza de instancia, outra actividade efectiva e real da codemandada, Gineglobal SL, máis aló de funcionar como intermediaria entre os profesionais médicos e a sociedade titular do servizo hospitalario de xinecoloxía no que estes desenvolvían o seu labor”, subliñan os xuíces, que conclúen que esa actividade de intermediación “non pode ter o efecto de excluír a laboralidade da prestación existente entre tales profesionais e Sanatorio Cirúrxico Modelo SL”.


A función de Gineglobal SL, segundo o Superior, redúcese a contratar determinados profesionais médicos para que presten servizos en Xinecoloxía e Obstetricia dos hospitais xestionados por Sanatorio Cirúrxico Modelo na Coruña. “Gineglobal só consta que achegou os profesionais codemandados, contratados especificamente para tal prestación, sen que estea acreditado que tal sociedade realice ningunha outra achega concreta, persoal ou material, ao desenvolvemento da actividade”, indica o tribunal na resolución.

O TSXG resalta que os facultativos codemandados “integrábanse na estrutura de Sanatorio Cirúrxico Modelo SL, en cada un dos hospitais, dentro da súa organización e conxuntamente con outro persoal do centro, incluso do mesmo servizo”. Ademais, subliña que non consta que Gineglobal “achegase efectivamente outro persoal distinto dos facultativos codemandados”. Os maxistrados tamén recalcan que “non quedaba ao pleno arbitrio dos facultativos cando desenvolver a súa actividade (pois debían cubrir 24 horas ao día, 365 días ao ano), como organizarse, nin onde desenvolvela”.