O TSXG decreta a aplicación da agravante de xénero na condena a un coruñés por tentar matar a súa muller por deixar a relación

Indica que a sentenza pon “de relevo” que o procesado tentou matar a súa esposa pola súa negativa a retomar a relación

Autor
Comunicación Poder Judicial

A Sala do Civil e Penal do TSXG estimou o recurso de apelación interposto polo Ministerio fiscal, ao que se adheriu a acusación particular, contra a sentenza ditada pola Sección Primeira da Audiencia Provincial da Coruña na que condena a cinco anos e oito meses de cárcere o acusado de tentar matar a súa muller en febreiro de 2017 no domicilio que ambos compartían na Coruña.

O alto tribunal galego acordou a revogación da resolución exclusivamente en canto á desestimación da concorrencia da circunstancia agravante de xénero. O TSXG indica que a sentenza pon “de relevo” que o procesado tentou matar a súa esposa pola súa negativa a retomar a relación, “ao non aceptar a libre vontade da muller de facer vida independente, negándolle con iso capacidade de decisión e poñendo de relevo unha concepción patrimonial sobre esta, unha relación de dominación”.

A agravante de xénero, tal e como consta na resolución, aplícase nos casos en que se comete o delito “cunha determinada motivación relacionada coa condición da vítima como muller por razóns de xénero, aproveitándose o autor da posición dominante na que se sente fronte á súa cónxuxe”. Esas circunstancias, segundo conclúe o TSXG, concorren neste caso.