Condenado a 35 anos de cárcere un home por abusar sexualmente do seu fillo e doutros dous menores en Lugo

A sala imponlle 33 anos de cárcere polas agresións sexuais e outros dous por un delito de violencia psíquica no ámbito familiar

Autor
Comunicación Poder Judicial

A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Lugo condenou a un home a penas que suman 35 anos de cárcere por abusar de tres menores, entre eles o seu fillo, nun municipio lucense entre xaneiro de 2014 e marzo de 2016. A sala imponlle 33 anos de cárcere polas agresións sexuais e outros dous por un delito de violencia psíquica no ámbito familiar. Ademais, non poderá comunicarse coas vítimas nun prazo de 16 anos e terá que participar en programas formativos de educación sexual.

Os feitos tiveron lugar cando o fillo do condenado e os seus dous amigos tiñan menos de 16 anos. Entre outras cuestións, a sentenza considera probado que o home sometía ao seu fillo a vexacións sexuais en contra da súa vontade e mesmo chegou a violalo. Así mesmo, o fallo tamén considera que en 2015 o home agrediu sexualmente a dous amigos do seu fillo, aos que chegou a obrigar a realizarlle felacións. Por estes feitos, o tribunal imponlle, ademais, a obriga de indemnizar ao seu fillo con 40.000 euros e con 15.000 euros a cada un dos outros dous menores agredidos.