Un xulgado de Ourense recoñece a síndrome de sensibilidade química como accidente laboral

O maxistrado considera acreditado que a demandante desenvolveu a enfermidade no seu lugar de traballo, un edificio de oficinas de Ourense, debido ao "contacto cos produtos químicos do ambiente"

Autor
Comunicación Poder Judicial

O Xulgado do Contencioso-administrativo número 1 de Ourense recoñece a síndrome de sensibilidade química múltiple que padece unha funcionaria da Xunta de Galicia como accidente laboral. O maxistrado considera acreditado que a demandante desenvolveu a enfermidade no seu lugar de traballo, un edificio de oficinas de Ourense, debido ao "contacto cos produtos químicos do ambiente", polo que anulou e revogou a resolución da Consellería de Política Social de 16 de agosto de 2017 que declara que a súa baixa se debe "a enfermidade común". Ademais, imponlle á Xunta o pago das costas. O fallo non é firme, pois pode interporse recurso de apelación ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

A "orixe do problema", segundo indica a sentenza, foron as "limitacións que presenta o centro de traballo para ser ventilado de maneira natural, sobre todo en ocasións puntuais nas que se acumularon máis axentes químicos e po no aire", como cando se reformou e pintou o inmoble ou cando se limpa con produtos "que conteñen lixivia, amoníaco, etc.". O maxistrado sinala que hai outra traballadora do edificio que padece "os mesmos síntomas" e que "unha parte do persoal das oficinas" protestou "polas molestias que xera o sistema do aire acondicionado".

O xuíz destaca no fallo que os edificios de oficinas "herméticos, con ventilación sempre artificial mediante sistemas de aire acondicionado", tenden a padecer a "síndrome do edificio enfermo", recoñecida pola Organización Mundial da Saúde, e que xera aos traballadores molestias "moi similares ás que comezou a sufrir a demandante desde o ano 2015".