O xulgado arquiva a investigación sobre un parto na casa porque o bebé faleceu antes de nacer

“Os feitos só poderían integrar un delito de aborto imprudente”, sen responsabilidade penal da embarazada, salienta no auto o maxistrado

Autor
Comunicación Poder Judicial

O Xulgado de Instrución número 4 de Vigo decretou o sobresemento provisional da causa e arquivo da actuacións nas que se investigou o falecemento dun bebé durante un parto na casa o 10 de decembro de 2018. “Os resultados das probas indican que a morte se produce de forma previa á expulsión do feto”, salienta no auto o maxistrado, quen explica que, polo tanto, “os feitos só poderían integrar un delito de aborto imprudente”, sen responsabilidade penal da embarazada.

O xuíz destaca na resolución o “coñecemento” que tiña a muller de que se trataba dun parto podálico. “Os riscos consecuentes diso requirían a asistencia hospitalaria, polo que a decisión da embarazada, neste caso, considérase moralmente reprobable, por máis que o Código penal considere que a súa acción non merece reproche penal ningún”, manifesta o instrutor.

O maxistrado asegura que “resulta rechamante” que a embarazada asumise “con abraiante naturalidade” que asistiu con regularidade ás revisións no servizo de xinecología do Hospital Álvaro Cunqueiro ata a semana 36, cando deixou de acudir aos controis. A muller, segundo o auto, testificou que no complexo hospitalario a informaron de que o feto ofrecía unha presentación podálica, polo que lle deberían practicar unha cesárea. Foi entón, segundo o seu relato, cando buscou información na internet e preguntou á matrona e a varias doulas “como podía ter un parto de nádegas” porque estaba “en contra” de que lle fixesen unha cesárea.

O xuíz tamén sinala que as dilixencias practicadas trataron de determinar se durante o embarazo e no momento do parto foi asistida por unha doula por se a esta persoa se lle puidese imputar algún tipo de responsabilidade por imprudencia profesional. A causa, con todo, sobreseuse porque a nai negou a presenza de ningunha doula no momento do parto e “non existe outra proba adicional que puidese acreditar tal circunstancia”.