A cidadanía que necesite acudir aos órganos xudiciais da comunidade terá que pedir cita previa

A Comisión de Seguimento da crise sanitaria COVID-19 do TSXG avanza nos detalles para poñer en marcha este servizo, aínda que a atención será, de forma preferente, a través do teléfono ou do correo electrónico. Os membros da Comisión insisten na necesidade de que se alcen os prazos procesuais canto antes. O TSXG estima, en base ás estatísticas de anos anteriores, que cada mes de paralización supón entre 12.000 e 15.000 asuntos máis de pendencia ao mes

Autor
Comunicación Poder Judicial

A Comisión de Seguimento da crise sanitaria COVID-19 do TSXG, presidida por José María Gómez y Díaz-Castroverde, presidente do Tribunal Superior, concretou na reunión de hoxe a fórmula que se poñerá en marcha para que a cidadanía poida pedir cita previa para ser atendida nos órganos xudiciais da comunidade, de tal maneira que se eviten desprazamentos innecesarios ás sedes. Segundo o acordado hoxe polos membros da Comisión, crearase un grupo de traballo formado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e o Tribunal Superior para concretar as funcións e necesidades deste novo sistema, que se centrará nos servizos cunha maior atención ao público, como os rexistros civís.

Tal como se recolle no artigo 23 da Real Decreto-lei 16/2020, do 28 de abril, de medidas procesuais e organizativas para facer fronte ao COVID-19 no ámbito da Administración de Xustiza, durante o estado de alarma e ata tres meses despois da súa finalización, a atención ao público en calquera sede xudicial ou da fiscalía realizarase de forma preferente por vía telefónica ou a través do correo electrónico. No caso de que se estime que a presenza na sede xudicial é indispensable, será necesaria a obtención da cita previa.

A Comisión de Seguimento tamén acordou hoxe insistir na necesidade de que se alcen os prazos procesuais canto antes para poder axilizar a actividade xudicial e garantir o dereito da cidadanía para recibir unha resposta adecuada dos xulgados e tribunais galegos. O TSXG estima, en base ás estatísticas de anos anteriores, que cada mes de paralización pode supoñer entre 12.000 e 15.000 asuntos máis de pendencia ao mes.

Os membros da Comisión reiteraron na reunión de hoxe que solicitan que se reinicien os prazos para poder retomar a tramitación de asuntos e evitar así un prexuízo "que non deixa de medrar". Tamén puxeron de manifesto a necesidade de clarificar as datas nas que se poderán celebrar xuízos e tomar declaracións en asuntos non esenciais, algo imprescindible para poder programar as axendas dos órganos xudiciais e poder comunicar estas datas aos profesionais (avogados, procuradores e graduados sociais) e aos usuarios/as afectados/as, últimos destinatarios/as do servizo público da Xustiza. Ademais, entende a Comisión que non ten sentido que se aumente o número de funcionarios/as se o traballo que se pode desenvolver é mínimo.

Por outra banda, tanto os maxistrados que forman parte da Comisión como os representantes dos colexios profesionais solicitaron un reforzo da limpeza nos órganos xudiciais da comunidade nos que se prevea unha maior afluencia de profesionais e público. En relación ao material de protección, a Comisión acordou que, de cara ao futuro, será cada órgano xudicial quen realice á Xunta a petición de máscaras, luvas e xeles hidroalcohólicos, para que o Goberno galego poida levar un control en función das necesidades de cada un deles.