Un xuíz recoñece o dereito dunha médico a cobrar as gardas dos períodos de baixa por risco durante o embarazo e tras dar a luz

Na sentenza recoñéceselles ás mulleres que traballan na sanidade pública o dereito para cobrar o complemento retributivo das gardas nas situacións de baixa temporal por embarazo de risco e maternidades

Autor
Comunicación Poder Judicial

O Xulgado do Contencioso-Administrativo nº 1 de Ourense estimou o recurso dunha médico especialista do hospital público da cidade a quen o Sergas rexeitou abonar as gardas correspondentes aos períodos en que estivo de baixa por risco durante o embarazo e despois de dar a luz.

Na sentenza recoñéceselles ás mulleres que traballan na sanidade pública o dereito para cobrar o complemento retributivo das gardas nas situacións de baixa temporal por embarazo de risco e maternidades. Afirma o maxistrado na resolución que é "evidente que se a unha facultativa especialista, como é o caso, pola única razón do seu embarazo e parto prívaselle dun concepto retributivo tan relevante como o das "gardas" que habitualmente realiza e percibe, estáselle causando unha discriminación por razón de sexo (art. 14.1 CE).

A súa lexítima decisión de ser nai atoparíase limitada e desincentivada, de maneira moi significativa, pola perda dunha boa parte das súas retribucións. Dilema no que nunca se acharían os seus compañeiros homes".