O Xulgado rexeita a demanda na que un sindicato esixía máis medios de protección para o Grupo de Emerxencia Supramunicipal de Castro Caldelas

O xuíz destaca na sentenza que en “circunstancias como as actuais”, nas que se decretou o estado de alarma, “tense que operar co posible e non co desexable”

Autor
Comunicación Poder Judicial

O Xulgado do Social número 4 de Ourense rexeitou a demanda presentada pola sección sindical da CNT na que esixía ao Concello de Castro Caldelas que dotase de medios de prevención e protección aos traballadores do Grupo de Emerxencia Supramunicipal destinados a tarefas de desinfección e limpeza de exteriores. O xuíz destaca na sentenza que en “circunstancias como as actuais”, nas que se decretou o estado de alarma, “tense que operar co posible e non co desexable, máxime cando se trata precisamente da actuación daqueles que foron contratados para operar como Grupo de Emerxencia Supramunicipal (GES)”.

En canto á formación que demanda o sindicato para o uso, coidado e eliminación dos EPIS, o maxistrado considera que a numerosa información sobre o correcto uso e disposición dos equipos de protección, mesmo nos medios de comunicación, fai que “dubidosamente se poida esgrimir que se ten un descoñecemento que poida poñer en perigo unha elemental protección da saúde”. Ademais, destaca que se lles entregou aos traballadores unha guía de actuación preventiva ante a COVID-19.

Na sentenza salienta que os membros do GES non teñen contacto con persoas contaxiadas nin realizan labores de desinfección dentro de centros nos que hai enfermos, polo que tampouco retiran materiais biolóxicos desas instalacións. Por iso, tamén rexeita a petición dos contedores de risco biolóxico realizada polo sindicato.

O xuíz conclúe que os medios de protección dos que dispoñen os operarios do GES “non difiren dos que utilizan o resto dos traballadores que están en contacto co risco en condicións similares, non con pacientes infectados”. Así, recalca que a proba “deixou claro que os traballadores do GES non desinfectan por dentro residencias de anciáns, senón só por fóra, así como o resto de espazos públicos exteriores situados nese Concello”.

Na resolución lembra, ademais, que cada traballador, individualmente, se considera que a actividade para desenvolver nun momento determinado entraña un risco grave e inminente para a súa vida ou a súa saúde, poderá interromper a actividade e abandonar o lugar de traballo, en circunstancias en que o risco de contaxio sexa evidente. O xuíz sostén que ese suposto, con todo, “non parece acontecer durante as tarefas comúns de desinfección e limpeza de espazos públicos que foron encargadas ao GES”. O maxistrado, polo tanto, indica que non existe vulneración do dereito fundamental á integridade física que tamén se denuncia na demanda.