Un xulgado de Vigo mantén a categoría de numerosa especial a unha familia a pesar da marcha dunha filla

A sentenza indica que cando unha unidade familiar consegue alcanzar a condición de familia numerosa especial, como neste caso, adquire “o que poderiamos denominar situación xurídica común consolidada”

Autor
Comunicación Poder Judicial

O Xulgado do Contencioso-administrativo número 1 de Vigo acolleu o recurso interposto fronte á resolución da Consellería de Política Social na que lle denegaba a unha familia a condición de numerosa especial e a incluía na categoría de numerosa xeral. O xuíz anulou a resolución da Xunta “por atopala desconforme ao ordenamento xurídico”.

En 2014 a unidade familiar composta por un matrimonio e dúas fillas, as cales tiñan recoñecida unha diversidade, obtivo o recoñecemento de familia numerosa de carácter especial. En 2018, coa “relevante novidade” consistente en que a filla menor deixaba de formar parte da unidade, a familia presentou a solicitude do título, pero a Xunta concedeullo da categoría xeral, non especial.

A sentenza indica que cando unha unidade familiar consegue alcanzar a condición de familia numerosa especial, como neste caso, adquire “o que poderiamos denominar situación xurídica común consolidada, que perdurará aínda que o número de fillos que cumprían as condicións que permitiron no seu día lograr esa cota diminúa, e ese grao de recoñecemento manterase mentres polo menos un deles siga reunindo os requirimentos que a lei contempla”.

O xuíz advirte que, doutro xeito, se provocaría “unha discriminación por razón de idade intolerable nun Estado de Dereito”. Así, destaca que mentres os fillos maiores se beneficiaron ao longo dos anos da posesión desa condición de categoría especial, ao abandonar o núcleo familiar, os demais fillos, os máis pequenos, “veríanse privados -sen razón xurídica cabal- de gozar dos (exiguos) privilexios que ese título confire, e xa non falemos se, como no caso analizado acontece, quen permanece no fogar é unha persoa con discapacidade”.