O TSXG propón a creación de nove novos xulgados e tres prazas en órganos colexiados

A proposta está baseada, principalmente, na entrada de asuntos que se rexistra nestas unidades xudiciais. A relación xa foi remitida ao CXPX e será analizada na próxima reunión da Comisión Mixta

Autor
Comunicación Poder Judicial
Palacio de Justicia de A Coruña
Palacio de Justicia de A Coruña

O pleno da Sala de Goberno do TSXG, a pedimento do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX), aprobou a súa proposta de creación de novos órganos xudiciais na comunidade galega para este ano. Trátase de nove xulgados de nova creación e tres prazas en órganos colexiados, que se distribuirían, por orde de prioridade, da seguinte maneira:

-Xulgado de Violencia sobre a Muller (Santiago de Compostela).

-Xulgado de Primeira Instancia (Ourense).

-Un maxistrado/a para a sección cuarta, con competencia civil (Audiencia Provincial da Coruña).

-Xulgado de Primeira Instancia (Vigo).

-Un maxistrado/a para a sección segunda, con competencia penal (Audiencia Provincial de Pontevedra).

-Xulgado do Contencioso Administrativo (Santiago de Compostela).

-Un maxistrado/a para a Sala do Social (TSXG).

-Xulgado de Primeira Instancia (Pontevedra).

-Xulgado de Primeira Instancia e Instrución (Vilagarcía de Arousa).

-Xulgado de Primeira Instancia e Instrución (Viveiro).

-Xulgado de Primeira Instancia e Instrución (Ribeira).

-Xulgado de Primeira Instancia e Instrución (Carballo). 

A proposta da Sala de Goberno do TSXG está baseada, principalmente, nas estatísticas de entrada de asuntos destes órganos xudiciais. En moitos deles supéranse amplamente os módulos de entrada establecidos polo Consello Xeral do Poder Xudicial e, noutros, sófrense carencias estruturais no persoal xudicial.

Esta relación será estudada na próxima reunión da Comisión Mixta (formada polo Tribunal Superior de Xustiza e a Xunta) para tratar de acordar unha proposta conxunta, a cal se elevará ao Goberno central, tendo en conta as unidades que o Ministerio de Xustiza estea disposto a crear para esta anualidade na comunidade galega.