O TSXG rexeita a suspensión cautelar da obriga de utilizar máscara aprobada pola Xunta para facer fronte á COVID-19

“Non pode prevalecer o interese particular de quen sofre unha incomodidade no uso da máscara fronte ao interese público”, indica a Sala

Autor
Comunicación Poder Judicial

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) rexeitou a suspensión cautelar solicitada por un particular das medidas sobre o uso obrigatorio de máscara en praias, piscinas e establecementos de hostalería, aínda que se poida manter as distancia de seguridade de 1,5 metros, aprobadas pola Xunta. Os maxistrados indican que o seu uso “forma parte dun conxunto integral de medidas de prevención e control que poden limitar a propagación de determinadas enfermidades respiratorias causadas pola COVID-19”.

“Desde logo, o que non pode prevalecer neste labor de valoración dos intereses enfrontados é o interese particular de quen sofre unha incomodidade no uso da máscara fronte ao interese público, a salvagarda do cal subxace na obriga do seu uso. Esa incomodidade de ningún xeito pode xustificar a non aplicación dunha medida de carácter sanitario que foi adoptada nun contexto de emerxencia de saúde pública xerada pola expansión do coronavirus a nivel de pandemia internacional”, recalca a Sala.

Os maxistrados tamén inciden en que o uso xeneralizado da máscara se está “demostrando como unha das medidas máis eficaces para previr a transmisión da enfermidade”, polo que insisten en que resulta necesario “reforzar a súa utilización, ampliando os supostos en que o seu uso resulta obrigatorio, co fin de evitar, especialmente, que as persoas asintomáticas que non coñecen a súa condición de portadoras da infección procedan á súa transmisión”.

A Sala, ademais, destaca que o acordo da Xunta do 17 de xullo de 2020, impugnado neste procedemento, foi “o resultado do seguimento e avaliación continua ao que debían quedar sometidas as medidas acordadas no acordo do Consello da Xunta, do 12 de xuño de 2020, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria”.

O cidadán que demanda a medida cautelar, segundo consta na resolución, pretende eludir o uso obrigatorio da máscara “baixo o argumento de que se faría case imposible o cumprimento das normas de uso correcto establecidas polas OMS e o Ministerio de Sanidade”, tales como asear as mans antes e despois de poñer a máscara. “O que considera normas, son en realidade recomendacións dun uso correcto da máscara”, recalca o TSXG, á vez que sostén que a parte actora, para concluír que existe un risco para a saúde derivado do case imposible cumprimento das normas de uso das máscaras, se sitúa “nuns escenarios de incumprimento, dando por feito un comportamento irresponsable da poboación”.