A vogal do Poder Xudicial Ángeles Carmona analiza en Mariñán o Pacto de Estado contra a violencia de xénero

A presidenta do Observatorio afirma na Escola de Verán do CXPX que o acordo supón “un fito no obxectivo de erradicar as desigualdades que provocan as actitudes machistas”

Autor
Comunicación Poder Judicial
La vocal del CGPJ y presidenta del Observatorio contra la violencia doméstica y de género, Ángeles Carmona
La vocal del CGPJ y presidenta del Observatorio contra la violencia doméstica y de género, Ángeles Carmona

O Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero centrou hoxe o debate da Escola de Verán do Poder Xudicial, que se celebra no pazo de Mariñán (A Coruña) ata o próximo 13 de xullo. A vogal do CXPX Ángeles Carmona analizou durante a súa intervención o acordo subscrito o ano pasado por todos os partidos políticos. “Supuxo un fito no obxectivo de erradicar as desigualdades que provocan as actitudes machistas e os malos tratos contra as mulleres polo feito de ser mulleres”, destacou a vogal, quen preside o Observatorio contra a Violencia de Xénero.

Carmona incidiu en que o Poder Xudicial é “un dos estamentos con máis transcendencia no relativo á protección das vítimas e na persecución dos delitos”. Por iso, xa tomou “a iniciativa” na implementación das medidas do pacto que son da súa competencia, tales como o reforzo da formación especializada da carreira xudicial; a investigación científica e estatística sobre as outras formas de violencia incluídas no Convenio de Estambul; e o seguimento sobre a actuación xudicial nestes casos.

A presidenta do Observatorio lembrou que as medidas que forman parte do acordo “implican a todas as institucións e a todos os sectores da sociedade”, á vez que destacou que en España a violencia de xénero converteuse nunha cuestión de Estado, polo que está “nas axendas políticas e sociais”.

Durante a xornada de hoxe da Escola de Verán do Poder Xudicial, que este ano trata sobre o fenómeno da violencia, analizado desde diversos ámbitos, organizouse unha mesa redonda titulada Visións para paliar o problema. No encontro interviñeron a presentadora e editora das noticias da Sexta Cristina Villanueva; a subdirectora xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero da Xunta, Belén Liste Lázara; e a maxistrada da Sección número 22 da Audiencia Provincial de Madrid, María del Pilar Gonzálvez Vicente.