A Audiencia de Ourense condena a tres anos de cárcere un acusado de tentar matar un dos seus amigos durante unha discusión

O tribunal tivo en conta á hora de ditar a pena a eximente incompleta de alteracións na percepción

Autor
Comunicación Poder Judicial

A sección segunda da Audiencia Provincial de Ourense condenou a tres anos de cárcere como autor dun delito de intento de homicidio un home que, diante da súa nai, acoitelou a un dos seus amigos durante unha discusión na entrada do piso no que residía. O tribunal tivo en conta á hora de ditar a pena a eximente incompleta de alteracións na percepción e absolveu a nai do procesado do delito de omisión do deber de socorro que lle imputaba a Fiscalía. Ademais, impúxolle ao imputado o aboamento dunha indemnización de 19.500 euros ao afectado.

Os maxistrados destacan que o acusado “asumiu o resultado mortal que se podía producir” e consideran probado que “non tratou de auxiliar o seu amigo” e que se desentendeu “da súa sorte”. A ferida causada, segundo destaca a Audiencia, sería mortal se non se producise unha inmediata intervención, pois o condenado lle cravou a arma branca no lado dereito do abdome e lle atravesou o fígado. A vítima conseguiu saír á rúa, onde foi auxiliada por un veciño. Os xuíces indican que non se puido acreditar “a existencia dunha agresión ilexítima por parte da vítima, xa que non portaba arma algunha, fronte ao coitelo que en todo momento esgrimiu o acusado”.