A Audiencia de Ourense impón 14 anos de internamento psiquiátrico o home que asfixiou á súa muller no Carballiño

O xurado declarou acreditado que o sospeitoso se atopa “afectado por unha demencia cunha deterioración grande das funcións cerebrais superiores”

Autor
Comunicación Poder Judicial

A sección segunda da Audiencia Provincial de Ourense, de acordo co veredicto do Tribunal do Xurado, absolveu a un home que asfixiou á súa muller, coa que levaba casado 35 anos, en xaneiro de 2017 no Carballiño tras discutir con ela porque non lle deixaba as chaves para saír de casa. Á hora de ditar a pena tivo en conta a eximente completa de alteración psíquica e ordenou o seu internamento nun centro psiquiátrico dependente da Administración Penitenciaria por un tempo máximo de catorce anos, do cal non poderá saír sen autorización do tribunal. En concepto de responsabilidade civil, indemnizará a cada un dos pais da vítima con 60.000 euros e, á súa irmá, con 40.000.

A Audiencia tivo en conta para impoñerlle o tempo máximo de internamento que a pena coa que está castigado o delito é “unha pena privativa de liberdade”, así como “a súa gravidade e a violencia empregada”. O xurado declarou acreditado que o sospeitoso se atopa “afectado por unha demencia cunha deterioración grande das funcións cerebrais superiores, con rixidez e falta de flexibilidade do pensamento e alteracións da conduta, as emocións e a afectividade, que provoca unha grave afectación das súas facultades de comprensión e de actuación”. O Tribunal do Xurado descartou a presenza dun terceiro como autor dos feitos ao carecer de indicios de que outra persoa se atopase na casa.