O TSXG recoñécelle a unha muller o dereito a percibir prestación de risco por lactación natural por traballar por quendas e pola noite

A afectada, tras traballar un día 24 horas, tiña tres de descanso

Autor
Comunicación Poder Judicial

A Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) recoñeceu o dereito dunha traballadora a percibir a prestación de risco por lactación natural debido aos perigos que implican as quendas e a nocturnidade na lactación. O tribunal acolleu o recurso de suplicación interposto pola demandante, que traballaba como axudante de condutor e padioleira para unha empresa de ambulancias. Así, revogou a sentenza ditada polo Xulgado do Social número 1 de Vigo e declarou que ten dereito á prestación de risco por lactación natural.

A afectada, tras traballar un día 24 horas, tiña tres de descanso. Os maxistrados salientan na resolución que “non só inflúen as quendas para poder levar a cabo a extracción de leite e a súa conservación, senón tamén o horario de 24 horas durante o que a muller podería, ou non, levar a cabo as extraccións, dependendo do cúmulo de chamadas e de saídas coa ambulancia”. Ademais, recalcan que os “efectos negativos” das quendas de noite son “evidentes” porque “alteran o equilibrio biolóxico polo desfasamento dos ritmos corporais e os cambios de hábitos alimentarios”. O TSXG lembra que, ao alterarse ese ciclo vital, “se altera a produción de prolactina e, con iso, a produción de leite”.

O Superior lembra na sentenza os criterios da Asociación Española de Pediatría, nos que indica que cando concorren quendas de doce horas “se producen alteracións no ritmo de sono do traballo nocturno que alteran o ciclo da secreción de leite, incidindo na lactación”. Ademais, a Sala do Social sinala que están acreditados os riscos do posto de traballo que desempeña, tales como a exposición a axentes biolóxicos “nocivos e tóxicos”.