O TSXG esixe para aplicar a redución do 40% no IRPF a un plan de pensións rescatado por enfermidade grave acreditar que causou mingua de ingresos antes de 2007

O alto tribunal indica que non abonda cun informe médico sobre a orixe da enfermidade antes do ano 2007

Autor
Comunicación Poder Judicial

A sección cuarta da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) resolveu nunha sentenza que para aplicar unha redución do 40% ao importe bruto rescatado dun plan de pensións por enfermidade grave, non abonda cun informe médico sobre a orixe da enfermidade antes do ano 2007.

O alto tribunal indica que para aplicar a redución sobre a parte do capital rescatado que provén de achegas ao plan de pensións realizadas despois do 1 de xaneiro de 2007 resulta ineludible a acreditación de que por mor desa enfermidade, xa antes de 2007, o titular do plan estivo incapacitado temporalmente para a súa ocupación ou actividade durante un período continuado mínimo de tres meses e que requiriu intervención clínica de cirurxía maior ou tratamento nun centro hospitalario, ou ben que ten secuelas permanentes que o incapaciten total ou parcialmente. En ambos os casos ten que acreditar que non percibe ningunha prestación por incapacidade permanente en calquera dos seus graos, conforme o réxime da Seguridade Social, e que a enfermidade ou secuelas diminuíron a súa renda dispoñible por aumento de gastos ou redución dos seus ingresos.

O alto tribunal galego sostén que a enfermidade grave é unha “causa excepcional” de liquidez do plan de pensións, non unha das continxencias que cobre (xubilación, incapacidade permanente total, absoluta ou grande invalidez, falecemento ou dependencia severa ou gran dependencia do partícipe). No caso en que se puidese aplicar a redución do 40% que a lei prevé para as prestacións que derivan das continxencias sucedidas antes de 2007, o TSXG subliña que “resulta ineludible a acreditación de que todos os requisitos determinantes da existencia desa causa excepcional de liquidez concorrían antes do 1 de xaneiro de 2007”.

No caso concreto que analiza a sentenza, o recorrente só achegou un informe médico do ano no que rescatou o plan no que figura a data de diagnóstico dunha enfermidade e o seu tratamento. Ademais, sinala que precisou cirurxía maior e ingreso hospitalario, “sen que nada se acredite sobre a concorrencia dos restantes requisitos antes do 2007”. Por iso, o TSXG só admitiu a aplicación da redución do 40% á parte do capital rescatado derivada de achegas realizadas ata o 31 de decembro de 2006.