“En condicións de igualdade efectiva, as mulleres teñen o mesmo éxito que os homes”

No Día Internacional das Xuízas, falamos coa maxistrada Sandra Piñeiro e coa xuíza en prácticas Yasmina Pita

Autor
Comunicación Poder Judicial

O 16 de abril de 2013, a xuíza Sandra Piñeiro recibiu no seu Xulgado de Lugo a un grupo de alumnos do instituto público Nosa Señora dos Ollos Grandes, o mesmo no que ela estudara. Unha das mozas visitantes era Yasmina Pita. 

Hoxe Yasmina, tras superar as oposicións de acceso á Carreira Xudicial e o curso teórico-práctico dun ano na Escola Xudicial, ten a Sandra como titora mentres realiza a fase de prácticas tuteladas no Xulgado do que esta é titular, o de Instrución número 2 da capital lucense. 

Aquela visita -que formaba parte do programa Educar en Xustiza, que a Oficina de Comunicación do CXPX desenvolve en toda España para que os máis novos adquiran os seus primeiros coñecementos sobre o sistema de Xustiza- resultou determinante. 

Yasmina di que xa por entón tiña claro que faría Dereito -ambas estudaron a carreira na Universidade de Santiago de Compostela, outra coincidencia-, pero ver a Sandra dirixir a vista dun xuízo de faltas foi decisivo: “Teño que ser xuíza”, pensou. 

Sandra e Yasmina representan o presente e o futuro do Poder Xudicial en España. A primeira, como unha das máis de tres mil xuízas e maxistradas en activo que supoñen hoxe o 56 % da Carreira Xudicial. A segunda, como integrante dunha das novas promocións que se están incorporando nos últimos anos, no que esa porcentaxe supera o 70 %. 

No Día Internacional das Xuízas, que se celebra o 10 de marzo, ambas celebran que a xudicatura sexa maioritariamente feminina, aínda que subliñan que isto é realidade sobre todo “na base da pirámide”, pero non nos cargos gubernativos, nos Tribunais Superiores de Xustiza ou no Tribunal Supremo. Entre as razóns citan o acceso tardío da muller á Carreira Xudicial, pero tamén os condicionantes que para elas supón a conciliación da vida familiar e persoal co exercicio xurisdicional. 

E sobre o elevadísimo porcentaxe de mulleres nas novas promocións, Sandra non dubida en afirmar que é a demostración de que, “en condicións de igualdade efectiva, as mulleres teñen o mesmo éxito que os homes”.