Un xulgado rexeita que o control das cotas de pesca en augas exteriores lle corresponda á Xunta

A Xunta, segundo a sentenza, “pode colaborar coa Administración estatal na fase de inspección”

Autor
Comunicación Poder Judicial

O Xulgado do Contencioso-administrativo número 1 de Pontevedra acolleu o recurso contra a incautación de 475 quilos de cabala e a multa de 351 euros que a Consellería do Mar lle impuxo ao patrón dunha embarcación con base no Grove pola comisión dunha infracción grave en materia de pesca. O maxistrado, polo tanto, revogou e deixou sen efecto as resolucións da Xunta, que lle deberá reintegrar ao recorrente o importe da multa máis o prezo que obtivese pola venda do peixe. A sentenza é firme, pois contra ela non cabe recurso.

O xuíz argumenta que a competencia para sancionar a descarga de pesca realizada en augas exteriores que supera os topes máximos de captura de especies peláxicas lle corresponde “con carácter exclusivo e excluínte” ao Estado. A Xunta, segundo a sentenza, “pode colaborar coa Administración estatal na fase de inspección (denunciando a infracción detectada na descarga do buque), pero non pode substituíla nin subrogarse na competencia do Estado sancionando directamente o infractor”. O titular do Xulgado do Contencioso-administrativo número 1 de Pontevedra salienta que a potestade sancionadora da Xunta “se circunscribe ás infraccións por superación de topes de captura en augas interiores de Galicia”.

Na resolución o recorrente alega que toda a cabala capturada esa semana do mes de marzo de 2017 se pescou en augas exteriores. Para acreditalo achegou o seguimento da caixa azul do pesqueiro e a listaxe de posición expedido pola Secretaría Xeral de Pesca. Ademais, a descarga produciuse no porto de Burela, que é un dos habilitados para a inspección de especies peláxicas capturadas en augas exteriores. “A Xunta non propuxo ningunha proba para rebater este feito”, sinala o xuíz, quen tamén conclúe, tal e como solicitaba o recorrente, que a resolución do 24 de marzo de 2017 que implantou o límite dos 10.000 quilos semanais “non entrara en vigor nas datas nas que se realizou a pesca porque non se publicou en diarios oficiais”.

En canto ao argumento da falta de acreditación obxectiva do suposto exceso de capturas denunciada polo recorrente, o maxistrado tamén o acolle, pois destaca que o patrón solicitou os certificados de calibración da báscula utilizada polos inspectores gardacostas, pero, “inexplicablemente”, a Xunta non llos facilitou. “Polo tanto, descoñécese se a báscula utilizada polos axentes denunciantes está ben calibrada, se superou os controis regulamentariamente establecidos, etc.”, recalca o maxistrado.