Un xulgado decreta o arquivo da peza da operación Pokemon relacionada co Concello de Santiago

Ademais, acordou deixar sen efecto as medidas precautorias adoptadas respecto aos once investigados

Autor
Comunicación Poder Judicial

O Xulgado de Instrución número 1 de Santiago decretou o sobresemento provisional e arquivo das actuacións relacionadas cunha das pezas separadas da operación Pokemon remitida polo Xulgado de Instrución número 1 de Lugo. Ademais, acordou deixar sen efecto as medidas precautorias adoptadas respecto aos once investigados. A causa abriuse por presuntas irregularidades cometidas por concellerías e persoal funcionario do Concello de Santiago durante a pasada lexislatura.

A titular do Xulgado de Instrución número 1 de Santiago asegura no auto que, tras examinar a documentación, lle resulta imposible “determinar con exactitude que feitos delituosos se atribúen a cada un dos sospeitosos”, así como “coñecer a liña de investigación” levada a cabo en Lugo. A maxistrada lembra no auto que recibiu a causa en maio de 2018, catro anos despois de que a instrutora de Lugo se inhibise ao seu favor. Entón rexeitou facerse cargo do caso, pero en febreiro de 2020 o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia atribuíulle a competencia.

A maxistrada de Santiago explica que durante os catro anos que pasaron desde que se decretou a inhibición da causa ata que a recibiu, en Lugo se continuaron practicando dilixencias. Por iso, considera que o Xulgado de Instrución número 1 de Santiago “se atopa imposibilitado para coñecer cal é o obxecto da causa, pois tanto os feitos como os delitos poden terse descartado ou confirmado ou incluso engadido outros novos, así como o número e identidade dos posibeis sospeitosos, aínda que non foran formalmente imputados”.

A xuíza insiste en que procesualmente “se actuou co criterio contrario á lóxica de tramitación”, pois sostén que en lugar de levar a cabo unha breve instrución e inhibirse ao xulgado de Santiago, o que se fixo foi ditar un auto de inhibición, pero seguiuse instruíndo a causa catro anos máis en Lugo.

No auto tamén resalta que aos denunciados se lles causou unha “total indefensión”, á vez que lembra que estiveron sometidos “a medidas precautorias que restrinxiron a súa liberdade persoal”. A titular do Xulgado de Instrución número 1 de Santiago afirma que se lles ocasionou “incerteza e angustia” aos investigados “por atoparse inmersos nun proceso xudicial do que resulta imposible determinar con exactitude que feitos delituosos se lles atribúen a cada un de eles”.